Non sei de onde tirei esta idea. Acaso de lecturas vagamente recordadas. Da memoria, esa ficcionista vergonzante, da que tanto proveito tiramos cando acerta e, tamén, cando se extravía, como parece ser o caso. A historia sería máis ou menos: un individuo percorre as rúas de París escoitando, por medio de auriculares, unha das súas músicas favoritas. É unha mañá de primavera e vai un tempo excelente. Ceo azul despexado, brisa lixeira, promesa implícita de que esa climatoloxía se vai manter nos vindeiros días. A música que escoita parece canxar co ritmo da cidade, mesmo como se estivese feita para ser a banda sonora dun filme que contivese exactamente as imaxes que vai vendo, segundo tras segundo. Mais chega a unha rúa en que están a facer unha obra. A sinfonía neses momentos aproxímase ao episodio culminante. Un paso máis, e outro, e outro. É entón cando se produce un in crescendo orquestral que contén a marabilla, o diamante sonoro máis acabado e perfecto, a culminación de todo o que vén sendo escoitado desde o inicio. Nese momento un camión que se aproxima fai sentir o renxer do seu motor. Contra o que coubese esperar, o son da maquinaria non empeora os efectos duns compases de violonchelos. E cando se achega o gran momento e as tubas se preparan para o sublime trompeteo, o camión fai soar a súa buguina, a súa temible corneta. Nese punto, o camiñante detense extasiado. O son de alerta do camión non só foi oportuno e afinado senón que, para emoción do paseante, deparoulle unha sensación de beleza superior á da melodía orixinal. O oínte acaba de descubrir que ese novo son pertence por enteiro á sinfonía e que, desde agora, non vai poder volver oír ese tramo da peza sen incluílo de novo, como un instrumento esquecido polo compositor.
E iso sería a epifanía. A emerxencia repentina do mundo para xustificar a racionalidade da súa representación. Aquí me tes. E todo iso que dis, o enunciado que me propós, non só é certo senón, e sobre todo, verdadeiro. Na epifanía entraría en xogo a validación por parte do real dun fragmento do simbólico. O ton do que non pode ser musicado. A tinta do que non pode ser pintado.
