LiBERDADE PARA PABLO HASÉL

Dicía Karl Marx nunha cita clásica, moi acaída para o feminismo contemporáneo, que “OS DOMINANTES TAMÉN ESTÁN DOMINADOS POLA DOMINACIÓN”. Tratábase de facer ver que tamén os dominantes, os poderosos, as persoas ligadas ao funcionamento do sistema, ao cerne do capitalismo e o do heteropotriarcado, teñen un interese real en desfacerse dese dominio, que o impulso de redención utópica é válido para todos os humanos e contén unha enerxía igualitaria, que non se para (que non separa) perante ningún tipo de desigualdade, de diferenza, porque o seu fin último, a súa teleoloxía, non é outra que a comunidade.

En relación co ocorrido nos últimos días, a propósito do ingreso en prisión de Pablo Hasél, para o que demandamos a súa liberdade inmediata, pensei, facendo un xogo coa frase de Marx mencionada, que “OS SUBVERSIVOS TAMÉN PODEN ESTAR SUBVERTIDOS POLA SUBVERSIÓN”.

Repasando estes días a Judith Butler para un traballo que ando ultimando encontro a seguinte alfaia: 

“Da mesma forma que as metáforas perden o seu carácter metafórico a medida que, co paso do tempo, se consolidan como conceptos, as prácticas subversivas corren sempre o risco de convertérense en clichés adormecedores a base de repetilas e, sobre todo, ao repetilas nunha cultura na que todo se considera mercadoría, e na que a «subversión» ten un valor de mercado”.

Na miña humilde opinión os subversivos non debemos ser subvertidos pola subversión porque o noso fin último non é o caos, a pura entropía, senón un equilibrio de humanidade, unha harmonía da que o sistema carece e aonde se debe dirixir o poder da nosa forza utópica.

Postulemos unha subversión dominada pola igualdade comunitaria, pola quebra dos dominios da diferenza social, e pola procura desa igualdade.

O outro do mito e o mito do outro

A continxencia ou a providencia. Entendo que, fronte á noción clásica de providencia, a alternativa da continxencia foi inicialmente unha solución laica e racionalista. Providencia implicaba o sentido de designio, de deseño prefixado. A historia estaría previamente escrita. E este tema do designio-deseño previo e da historia xa escrita merece ser repensado. 

A providencia sería o coidado dos humanos e do mundo que os crentes atribuen a Deus. A providencia como disposición ou como medida de prevención ou provisión de orixe divina. Sabéndomos como sabemos que a historia é o fluír inacabable do desastre, que esa demostración de caos e de desorde fose ditada directamente pola divindade abriría un sen fin de paradoxos e aporías. 

Eran os humanos os que procuraban encontrarlle un sentido á historia, construíndo así a providencia. Non era tanto a idea de Deus, artífice da creación, incluída a humanidade, como da humanidade partícipe dunha necesidade de explicar o mundo. Non era Deus a velar polos humanos como os humanos a velar por Deus como principio, como sentido, como explicación. 

Coma sempre, interésanos moito a palabra: pro-videncia. Unha videncia antecedida, precedida. A videncia que antecede ao acto e que xa non é visión senón mirada. Dixemos xa que o mirar sen ver tiña cinco descendentes posibles: a ficción, o soño, a cegueira, a lectura e a ideoloxía. A providencia será, por tanto, todas elas, porque na súa pro-visión non pode ser outra cousa que mirada. A providencia, en tanto que mirada, sería un campo de coñecemento a encher directamente pola narratoloxía, isto é, un terreo a ser enchido non de imaxes senón de palabras. 

A providencia conduciu ao milagre. 

A continxencia conduciu ao acontecemento. 

Diríamos, por tanto, que o acontecemento é un milagre laico e o milagre, un acontecemento relixioso. 

Milagre e acontecemento son, pois, a mesma cousa, vista desde distinto ángulo, desde diferente perspectiva. Mentres a providencia brota de (e conduce a) o mito, a continxencia xira arredor do Outro. O mito, que non existe mais insiste, é miragreiro. O Outro, que é a linguaxe que nos sucede e antecede, é epifánico.