A finais de xullo de 1968 The Beatles gravaron Hey Jude, unha das cancións máis fermosas e coñecidas do seu repertorio. Nun vídeo de promoción emitido pouco despois, presentado por David Frost, aparecen rodeados dun coro de admiradores que, pouco e pouco, se ven implicados na interpretación da famosa peza.
Desde unha perspectiva semiótica cabe concluír que estamos perante un signo de importantes mudanzas que estaban a ter lugar. Moi pouco tempo despois do maio francés, o pobo, ou algo que se lle parece moito, reclama o seu lugar na historia.
Algo que ten que ver coa representación da traxedia no teatro. A canción comeza con Paul cantando, acompañado unicamente polo piano que el mesmo toca, e, pouco e pouco, o son vai medrando en complexidade coa inclusión doutros instrumentos e voces. Primeiro pandeireta, guitarra, baixo. Logo as voces de Lennon e Harrison que fan un rumor coral de fondo harmónico en determinadas secuencias. Despois o coro do público que se suma. Finalmente, a orquestra que enche de densidade tímbrica a parte final.
O primeiro que cabe salientar é o artificio da representación. Dionisos, os apóstolos, a Igrexa. Unha Igrexa que actúa como substituto sagrado do pobo. A palabra do fillo de deus, secundada polas voces dos seus apóstolos e reiterada despois pola multitude. Mentres esa palabra é secuenciada en varias cuartetas e unha ponte, cos equilibrios vocais e harmónicos dos seus apóstolos, a palabra da multitude é simple e reiterada como unha consigna. No medio, un grito, que sinala un antes e un despois na enunciación do discurso. O protagonista (Dionisos) desaparece da escena e cede o seu posto á multitude (coro) que o secunda. Hai agora un aumento da variedade de timbres que ten que ver coa introdución de instrumentos de orquestra que se escoitan por debaixo. Todo gravado por vez primeira nun sistema de oito faixas, inédito na produción da banda até ese momento. O emprego do piano como instrumento de base, fronte ás guitarras tan omnipresentes en todo o seu repertorio, suliña este sentido de ritual. Non é unha canción. É unha parodia relixiosa.
