En breve, a Universidade de Vigo vai organizar un ciclo de charlas denominado Cunqueiro XL, coincidindo co corenta aniversario da morte do poeta e narrador.
Producido e difundido de xeito telemático contará coa participación dun número significativo de expertos que tentarán actualizar aqueles aspectos da investigación cunqueiriana nos que se teña producido algunha novidade ou avance salientable ao longo dos últimos anos.
Un dos logros máis novidosos se sitúa, ao meu ver, no ámbito da pseudonimia e a alofonía fantástica da man dos investigadores Iago Castro Buerger e Xosé Henrique Costas Gonzalez.
A modo de exemplo, e sen que sirva de precedente, tráiovos aquí este
poema dun tal STEPHEN ALLIWRIGTH que existiron, poema e poeta, unicamente na imaxinación do xenio mindoniense.
AQUELA CASA
Non é que non remataran
de facer aquela casa:
é que a fixeron para o vento,
por se algún día quería acougar
e botar un sono naquel outeiro,
a carón dos vellos carballos,
tantos séculos amigos de seu.
Fai moito tempo que o vento anda de paso
polo mar,
pro algún día retornará
como retornan os vellos mariñeiros
pra contarnos como foron as viaxes
ou como se perdeu aquel veleiro.
Aqui ten a súa casa, sen poetas nin fiestras,
somentes catro paredes e o tellado
por se quere botar un sono
denantes de volver a viaxar.
