Da morte e da voz, da máscara e do traxe

A Voz Oficial de Tuzaristán detenta o dominio pleno da verdade. Sabe discernir entre o ben e o mal, o útil e o inútil, o acerto e o erro, o certo e o incerto. Non suma voces para crear a Voz senón que engade a Voz a moitas voces.

Desde sempre fomos contrarios a ese rumor, ao barullo das voces da Voz, ao ruído mediático de Tuzaristán, ao balbordo das medias verdades interesadas, fiadas a un poder político que as detenta e alimenta.

A Voz Oficial de Tuzaristán produce a realidade. É o medio de produción da realidade cabal e razoable, como ten que ser, como debe ser a realidade. A realidade como unha mercadoría complexa e costosa. Unha mercadoría vaporosa e intanxible, disolta e disoluta. 

O gran xestor do traxe de xastre gasta moitos cartos na Voz. Pode sentenciar en privado, e sen que saia de aquí, que a Voz lle custa moitos cartos. É un dos grandes empeños do seu investimento. Unha opción estratéxica. A produción industrial de realidade. O gran logro do gran xestor. Xa que o real non mellora, que mellore a realidade.

O gran xestor do traxe de xastre é un vulgar secuestrador. Aprendeu que o mellor dos crimes é sempre o esquecemento. O crime perfecto non é o que se comete na sombra senón no olvido, o que fica velado polas tebras da morte. A Voz Oficial de Tuzaristán é, por tanto, un medio de produción do esquecemento. A realidade como forma do esquecemento. A realidade como máscara do cadáver invisible. A realidade como traxe.

O gran xestor do traxe de xastre forma parte, tamén, da produción de realidade.. O día en que deixe de producirse realidade el será a primeira vítima. E a realidade da súa gran xestión e do seu traxe de xastre derreteranse. Porque o real sempre regresa. 

O gran xestor do traxe de xastre forcluíu, porque as despreza, a lingua e a cultura galegas. Esqueceunas de xeito traumático. Non por desleixo senón por unha necesidade inconfesable. 

O gran xestor do traxe de xastre esqueceu que debaixo do traxe da realidade, por debaixo do traxe máscara, do traxe do engano, ocúltase o real da propia morte.