Da kábala laica

A determinación. E a indeterminación. O esvaecemento da multiplicidade do mundo. A néboa. A cinza. A luz e a razón como únicas cifras do real. O escuro e a intuición como cifras do imaxinario. No centro a linguaxe, o simbólico, a percepción. Fort und da • Lonxe e aí. A distancia innaccesible do inmediato. 

Contan que cando Van Gogh chegou a París en 1875 tardou tempo en comprender que a súa impresión do mundo non era o produto inmediato de alteracións neurolóxicas senón a singularidade perceptiva do común dos humanos, a viva consecuencia do devir, da constante alteración da luz que ilumina as cousas. 

Logo de ver os cadros dunha exposición de Jean-François Millet, escribiu: “Cando entrei na sala sentín algo así como: descálzate porque o chan que pisas é sagrado”. Como se aquela mirada fose o pórtico que abría un espazo constelado, un horizonte transcendental dos ángulos e as cores, un mundo a desvelarse, atrapado tamén pola ilusión dun sentido teologal. 

Penso que polo xeral non recibimos unha educación suficiente en termos perceptivos.
E isto é debido a que a nosa desconfianza é radical, parte da propia estrañeza. Chegamos desde o desarraigo, desde a quebra de calquera vínculo, e precisamos dunha longa infancia para a adaptación. E a primeira obriga é fixarnos unha mirada, un sentido básico dos signos, o que consideramos fundamento da lectura. Algo que non fixo máis que empezar, que non é máis que o inicio dunha decodificación sen fin, sen posible mesura. 

Por iso insisto en que nunca aprendemos a ler e en que ler é a tarefa básica do humano, unha e outra vez dándolle sentido ás cousas.

De haber algún deus, ese deus sería o código, algo que xa estaba na kábala e na conxunción perceptiva de números e letras. O dixital, a traslación do perceptivo do animal escópico-invocante a un rosario interminable de números binarios, é unha Kábala laica (a balalaica cabal da Kábala laica) que segue sen dar coa divindade.

 Xa temos cantas copias desexemos do mundo visual e acústico, e andamos a fedellar nos modos de copiar todas as outras percepcións.

Mais chéganos unha pésima noticia desde a psicanálise: non hai outro do outro.