O certo é que nacín.
Non sei por que motivo.
Coñezo as consecuencias.
Roubáronme do olvido,
Alá polos confíns do mar do esquecemento,
Un barco e unha harpa,
Un corvo e unha estrela.
E entrei pola distancia
Na foz dun longo río,
Estampado de luz.
Nun principio eu traía unha ponte na cabeza,
Unha táboa que axuntaba dous incendios afastados,
E brillaba como o centro dun diamante.
E dixo o corazón:
Que alumen estas lámpadas por sempre.
Había un firmamento por enriba das augas
E as veigas tiñan flores e calor.
Nas árbores pousaba co voo dos estorniños
Un eco de infinito.
E eu viña sen proxecto na aventura.
E dixeron os pulmóns: que a música te inspire.
Eu debía ter os ollos moi abertos
E os oídos impregnados polo vento
Con substancias e sons que falaban da tarde,
E de todo o que escoitaba viñan ecos e fascinio.
E foi por ese tempo que amenceron as palabras.
Souben logo que o rumor, o murmurio das voces,
Era a sombra dun reflexo,
Unha luz que se xeraba entre as augas dos espellos
Que reflicten os espellos
Que reflicten os espellos.
