Da máscara

Gilles Deleuze na súa Lóxica do Sentido declara:

“Mais, despois da crítica kantiana, aparece unha terceira figura da ironía: a ironía romántica determina o que fala como a PERSOA, e non xa como o INDIVIDUO […] Aí hai moito máis que un cambio de palabra. Xorde de aí unha profunda transformación, o universal da Idea, a forma da subxetividade e o modelo da linguaxe en tanto que función do posible. A posición da persoa como clase ilimitada, e con todo dun só membro (Eu), esta é a ironía romántica”.

Un individuo é un corpo. Unha persoa é unha máscara sobre ese corpo. 

O corpo como obxecto non divisible que xa non pode permitir a inclusión no seu interior de entidades menores suxeitas a unha vontade. Se un corpo que se encontre na rúa permite que un dos seus brazos se alongue para que a man arrebate un bolso a outro corpo que pasa, a responsabilidade dese acto non será nin do brazo nin da man senón do individuo completo, da integridade que reúne brazos e mans distintos e determinados xunto con outros órganos e partes. 

Mais o humano é algo máis que un corpo. 

A palabra persoa vén do latín personam que era o significante comunmente empregado para designar as máscaras que os actores empregaban en escena. Personam, á súa vez, vén da palabra sonare porque as máscaras escénicas dispuñan dun dispositivo que permitía que a palabra non ficase sen ser oída, facilitando, por tanto, a emisión da locución. De tal maneira que persoa non é só unha máscara senón tamén unha locución asociada a esa máscara. 

A ironía romántica da que fala Deleuze é a de que a persoa inclúe o individuo mais o individuo xa non pode incluír a persoa. Hai, por tanto, unha profunda transformación da subxectividade. 

Sen isto non sería posible comprender os heterónimos pessoanos nin a alofonía fantástica de Cunqueiro. O soñador mindoniense asume o postulado lacaniano do Eu como significante dun suxeito suxeitado pola enunciación e idea un poeta para cada enunciación. Quen poderia dicir algo como isto? Esa é a pregunta. Cabería isto que escribo dentro das resonancias da miña máscara?