Contar, relatar

É condición do (d)escritor unha indispensable disciplina na tarefa. En primeiro lugar debe observar as regras básicas de toda ficción: o espazo e o tempo. Quere dicirse que non hai pensamento nin sentimento nin imaxe que poida ser concibido fóra desa cuádruple coordenada: o longo, o largo e o fondo do espazo e o devir do tempo. Podemos elidir a súa presenza no discurso, mais debemos saber que dun xeito ou doutro sempre andarán por aí.

Así que non temamos situar dentro do espazo e do tempo calquera das entidades que dean forma ao noso discurso, sexan feitos, acontecementos ou personaxes. Porque hai catro preguntas que debe contestar toda ficción: que pasa, onde e cando pasa e a quen lle pasa.

Nos textos que carezan de personaxe como obxecto haberá que sinalar que o carácter do obxecto foi trasladado ao suxeito que enuncia, que dita o seu relato. De tal maneira que implicada na resposta á pregunta “a quen lle pasa” temos outra interrogación crucial: “quen o conta”. A quinta das preguntas que debemos considerar. E que está tamén intimamente ligada á sexta e final: “como o conta”.

Consideramos, por tanto, que en todo relato hai dúas partes implicadas, como as dúas caras da mesma moeda, os dous rostros de Xano, o deus de xaneiro e da xanela: a ficción e a dicción. A primeira consta de catro inquisicións. A segunda, de dúas.

Relatar, contar, son formas de ordenar o mundo, de procurar e encontrar aquilo que de racional poida ter o real. Admirable a palabra relatar, re-latar, con ese tema do fero, tuli, latum, tan infrecuente. De maneira que, cando conto, ordeno as cousas, e, cando relato, tamén as ordeno mais agora dun xeito máis visual e espacial. O conto alude á disposición cronolóxica e o relato á disposición tópica. Numero para ordenar. Ordeno para numerar. E ordenando e numerando supoño a disposición racional do mundo. O real é racional, dixera Hegel. A realidade, por tanto, non é máis que un dos relatos posibles. Máis un relato entre os infindos que aínda quedan por contar. Dar conta do devir. Dar conta da existencia. O conflito da existencia. A espiral do devir.