Da fatiga espectral

Definamos a fatiga espectral como a sensación de falta de forzas físicas ou mentais, froito dun traballo ou dun esforzo, relativa ou pertencente a un espectro, isto é, a unha visión ou imaxe fantástica.

Somos de raíz entes que se nutren con imaxes. No noso microprocesador mais intimo hai unha operación, repetida miles de billóns de veces ao longo da existencia,
consistente en percibir e intelixir. Percepción e intelección son, deste xeito, rutinas elementais. Non cesamos de ver obxectos e darlles sentido. Iso que chamamos mirar.

A proliferación de imaxes no mundo contemporáneo, reproducidas xa de xeito mecánico, construídas con instrumentos resultantes do coñecemento técnico e científico da óptica, fixo do mundo que habitamos unha inmesa esterqueira espectral na que o amoreamento de imaxes en desuso segue o ritmo en aumento da produción de lixo plástico. Máquinas e máquinas a obteren imaxes que logo precisan ser mostradas. 

Calcúlase que cada minuto que pasa sóbense á rede mil veces máis fotos que todas as producidas desde o invento da fotografía até a década dos 1960. Producimos tal cantidade de filmes interesantes por ano que os doces meses non nos abondarían para poder visionalos. Xa non digamos analizalos e decodificalos. 

Hai ocupacións e oficios consistentes en mirar e mirar imaxes. Nós mesmos podemos empregar horas e tardes e xornadas enteiras en ollar, unha tras outra, imaxes e imaxes, hipnotizados polo delirio que a natureza puxo no visual, como reclamo característico do existente. Calquera de nós nunha existencia contemporánea ve miles de veces máis imaxes que as que puideron ver nos seus tempos calquera das persoas de épocas pretéritas. 

Acaso esteamos a chegar a un punto de fatiga, de canseira crónica, en que a imaxe perde o seu rango comunicador, de significante ocupado por un sentido, para ser simplemente ruído visual, mancha, borrancho. Ese momento en que podemos perder, máis que a visión, que nos deixaría cegos e invidentes, esoutra alfaia consistente en ver e interpretar. A mirada.