As persoas inestables que se dan a camiñar
E, xa erráticas e nómadas, deambulan pola sombra das ideas
Ou compoñen tristes fábulas
Sen maldade para o embuste
Nin malicia para o engano,
Co artificio da elocuencia
E a franca fluidez dun verbo grato,
Sempre foron un exemplo para min
E dispoño a súa lembranza no mesmo andel dos clásicos.
Vellos cegos e dementes, redimidos presidiarios,
Desertores fuxitivos,
Desterrados e inmigrantes.
Todos donos da ferida, pecadores,
Os ausentes do lugar,
Incurables melancólicos.
Se esconxuran a súa dor co milagre das palabras
En que se diferencian, por onde se distancian.
Entre as voces que me ocupan
A falaren desde min e desde o tempo
Hai algunhas que se escoitan delirando
Porque teñen xa caduco o pasaporte
Ou regresan dunha feira a camiñar.
Outras hai que se destacan
Porque levan un fardel con grave peso
Ou carretan como un lastre a súa fatiga.
Eles forman a familia dos meus soños.
Como os músicos errantes,
Os escuros peregrinos,
Os perdidos.
Somos xente derrotada.
Vagabundos sen máis rumbo que a derrota dos seus pasos.
