Arbórica

Moito saben dos invernos estas árbores nosas.
Tanto saben como calan.
Dos novembros achegados e contiguos
aos febreiros afastados e distantes.
Moito esquecen cando lembran.
Moito acordan cando olvidan.
Pois son borra da memoria,
faiscar do esquecemento.

Deleitosas, doloridas,
abafadas, friorentas,
no sosego susurrante
e na rouca mudez,
poderosas e soturnas,
neboentas e opacas,
son as árbores sumidas
no intanxíbel da materia,
displicentes e xordas
aos cánticos do engano.