Delfos

Deixou dito Pausanias,
Tamén chamado o Periéxeta,
Xeógrafo e camiñante dos tempos da beleza,
Que as palabras inscritas no pórtico de Delfos
Son de grande utilidade para os homes.

“Repara, viaxeiro, quenquera que ti fores,
o que anda a desvelar os arcanos do mundo,
que se non dás en ti mesmo con aquilo que procuras,
tamén non poderás achalo noutros pagos.
Pois se es ti quen ignora as excelencias da túa casa,
como pretender outras grandezas?
En ti reside oculto o Tesouro dos Tesouros”.