Tempo atrás e a raíz de certas lecturas que tiñan que ver co estoicismo grego e o seu eco no pensamento moderno creceu en min un lema que repetín aquí unhas poucas veces e que non era máis que a verbalización dunha determinada situación de consciencia: “Cando o presente se presenta e o lugar ten lugar”.
Remexendo nos arquivos encontro esta vella imaxe que, a pesar do tempo decorrido, segue a resultarme pregnante, no sentido de que non son só eu quen mira senón que é ela quen olla insistemente cara a min e, ao constituírme como obxecto, éncheme radicalmente de suxeitividade. E non sei por que, no diálogo de evocar na memoria ese momento, aparece de novo o mesmo lema:
Cando o presente se presenta e o lugar ten lugar.
