Sempre imaxinei a representación do Edipo Rei de Sófocles nunha praza, semellante á contigua ao edificio da foto, á que irían converxendo os habitantes de Tebas a protestar polo andacio que os castiga desde hai un tempo. Aí escoitaríanse os diversos lamentos e maldicións e demandas, forzando o rei a aparecer, asasino sen sabelo do seu pai, esposo inconsciente da súa nai, irmán e proxenitor de Antígona, que terá protagonismo na última das pezas da triloxía.
E aí, nese balcón, falaría o monarca para amainar as protestas e queixas da multitude. Pobo de Tebas, benqueridos compratiotas, ben sei que unha doenza terrible nos persegue, como maldición que precisa un esconxuro, como castigo que precisa expiación…
A foto, en realidade, está tomada na aldea de Alén, na aba oriental do monte do Cando, Terra de Montes, que representa como ningunha o abandono e a soidade de centos de aldeas, sen rei, sen pai verdadeiro, a penar por un pecado que nunca cometeron.
