Sempre recordo a miña nai contando, cando eu era pequeno, que a lúa chea era un queixo de bóla portugués. Hoxe encetei un, que comprei sábado na feira, e, efectivamente, sabe a lúa.
Tamén esta ameixeira da fotografía, que é máis vella ca min, encheu a miña vida de miles de froitas douradas e rotundas, pezas como lúas, ano tras ano, radiantes, gorentosas, sempre cun brillo onírico e escuro, que nos deixaba entre a realidade e o soño, en posición de delirio e de penumbra.
Entendo que por debaixo de todos estes significantes hai un único obxecto. Unha falta que se enche de sentido como un eco infinito de espellos.
A lúa, a ameixeira, o queixo, a froita. A nai.
