Xa todos os camiños souberon da pregunta.
As fontes, os outeiros,
as árbores de sombra.
E anda o corazón curioso a procurar
asento para os días.
Falei cos cervos magoados,
coas ras escandalosas,
coas curvas solitarias das congostras.
Seguín o itinerario da senda e o traxecto.
e nada foi posible de atinxir.
Hai tardes que carreto na boca unha laranxa
de luz anoitecida,
retiro da memoria unha canción
ou poño sobre os labios o brillo do diamante.
E nada, nada, nada,
repiten como embruxo.
E eu sigo a interrogar,
reclamo unha reposta,
porqués dos argumentos,
recado e referencia.
E a noite sobre o mundo dispara o seu silencio.
