Unha escultura non é nunca un suplemento, un atavío, un adorno dun lugar. Unha escultura é o lugar. Por iso podemos dicir que un lugar, todo lugar, é tamén, nun certo sentido, unha escultura. Que o sexa ou non depende logo do sentido, que é o que distingue a visión da mirada.
Lacan dicía que o sentido é sempre froito do goce e fillo do desexo. O goce de sentido. A enerxía que conecta o simbólico e o imaxinario. Sentidiño, dicíannos as nosas nais na infancia e na adolescencia. E velaí o contrato de madurez da humanidade. A primacía e a prevalencia da mirada sobre a visión. Da intelección e da razón sobre a percepción.
Nas guerras, antes de que as armas se enfronten, hai un litixio, un combate de sentidos. Por iso nunca hai paz. Só hexemonía. Vitoria dun sentido.
