Como aquel que escoita o eco
da linguaxe na conciencia,
detido a decifrar a fala que lle fala
na sombra de si mesmo,
parto agora para o voo do meu silencio,
entre a borra do solpor,
seguro de mirar a mirabilia,
a dar polo profundo co baleiro
dos ocos que deixaron
os grafos dunha escrita alucinada
en egos a orbitar co trote das raposas
ante un buraco negro.
Chamáronme Ninguén e teño nada.
Feliz de que algún nome me designe.
E quen nos vai valer, patria dos espellos;
quen mirará por nós, xardín do esquecemento;
quen virá nos gorentar, viño do olvido.
