As árbores de outubro difunden o vagar do outono polos campos,
a lenta irradiación das horas que decrecen
e deitan unha folla amarelada,
unha flor de despedida que ninguén sabe reler,
unha carta agradecendo as mañás e a primavera,
unha nota sen rúbrica.
Son insomnes manuscritos, calendarios,
documentos con letreiros de amor,
epístolas, misivas con promesas ou axendas.
As árbores alertan das eternas finitudes, da constante variación,
oh perpetua mudanza.
