O abandono do viaxeiro

O recurso elemental do viaxeiro é o abandono, substraerse á curiosidade e ao desexo, que é sempre o desexo do Outro, e ingresar no territorio, na paisaxe, na cidade, disposto a resignar (volver construír como signo) a suxeitividade como regreso dos obxectos que se veñan apoderar del. Do mesmo xeito que a xogada de gol non se busca senón que se encontra, Valdano dixit, o viaxeiro dispón os obxectos que o suxeitivizan, co intermedio do azar, un tras outro nese abandono que é o presente que se presenta e o lugar que ten lugar.

Se ninguén se baña dúas veces no mesmo río, ninguén pode repetir unha viaxe. Como ninguén pode escribir de novo o mesmo libro (O Quixote de Pierre Menard) aínda que o copie palabra por palabra. Somos un paradoxo de orixinalidade sen orixe.

Velaí a nosa loita. Contra o Real, inefable, as disposicións (ía pór deposicións) do Simbólico-Imaxinario que nos posúe como un baleiro a ocupar, espazo da inundación, encoro no que as secas mal suxiren o que foi. Ruína sen fin, borra que esbara polo fondo da cunca, indicio de viños gorentados. E así, o abandono do viaxeiro: saberse irrepetible. Relato de extravío, de sucesivos enigmas do lugar e revelacións continuadas. Entre o xa e o aínda. Sincronía que xa é diacronía.