Relampos e reflexos

Pensouse moito tempo que a facultade de lembrar residía organicamente no corazón. Cor, cordis é o étimo que está detrás da palabra recordar, literalmente volver ao corazón. Cando evocamos algo con nitidez e sen medo a errar na evocación dicimos que lembramos “de cor”, como tamén fan na lingua inglesa “by heart” ou na francesa “par coeur”. 

O corazón e o seu bater dentro da caixa do peito ou no fluír no sangue polos pulsos estableceu a ligazón entre o corpo e o espírito e foi significante e sintomático. E permitiunos sinalar mudanzas de época co seu ritmo, entre regulado e constante, obxecto da cardioloxía neoclásica e ilustrada, e repentino,  nas arritmias da “coraxe”, outra palabra derivada, tan románticas, mentres deixaba de darlle corpo, de incorporar, a memoria para ser lugar do sentimento. 

Se o mundo nos resulta inaxintible, malia estar aí connosco dentro, e imposible de reconstruír, inefable, refacer un recordo, algo que nunca foi enteiro, é máis unha tarefa de fabulación, de elocuencia, que de verdadeira arqueoloxía. E esixe un reflexo, un eco, o alimento dunha repetición que nos presenta como fillos das palabras. 

 E aí estamos: entre un mundo que non se deixa dicir, que non cabe nos vocábulos, e unha gramática que é sempre distancia do mundo. Paradoxos da linguaxe que cala máis que di.