Reserva de sombra

O ceo ennegrecido, que atravesan lixeiras unhas nubes de outrora, molde dun espazo afastado e sen determinar, define por contraste a casa solitaria e aínda viva, habitada por xente que non se deixa ver, enfeitada de hedras e xasmíns, albergue e asilo perante o mar incerto, nalgún lugar das rías altas.

Olla para min mentres circulo e invítame ao retrato, no conxunto do tellado, a galería, a balaustrada, atavío da humidade e da humildade.  E eu noto a súa mirada, o que evoca mentres paso: revelacións que non distingue do misterio. 

E divulga o seu arcano, 

denuncia o seu enigma, 

confesa a súa reserva de sombra.