Encontro entre papeis e cadernos antigos
reliquias de 1990
da visita ao Museu de Sir John Soane
en Lincoln’s Inn Fields, Londres.
Son estampas da casa en que morara
as décadas finais da longa vida
enchéndoa de enseres e tesouros,
planificándoa desde o inicio
como un museu póstumo.
Arquitecto inglés da transición
do clasicismo ao romantismo,
príncipe dos lucernarios, as vidreiras e os espellos,
arqueólogo de Exipto, Grecia e Roma,
nos tempos en que os mozos findaban formación
cun Grand Tour á cidade de San Pedro.
Alfaia de inesquecible beleza,
imaxe dunha época de mudanzas
radicais e procuras transcendentes,
no solpor da Ilustración, no alborexar
do século romántico,
sempre con ecos e sospiros do glammour
do British Empire.











