Malamente

Malamente seremos un vestixio,

un rastro que ficou,

un sinal,

unha pisada.

Grafamos e imprimimos

contra o tempo e contra a Historia,

como se Chronos non fose

depredador de indicios e evidencias,

de trazos e de liñas,

capaz de derrubar,

vencer e dominar en todos os litixios,

rivais e opositores,

desafectos e adversarios,

demo e Lucifer e príncipe das tebras.

Malamente ficará

de nós algún aviso,

por máis que inda teimemos no imposible,

fotos, filmes, músicas,

cancións, relatos, mirabilia.

a borra do seu sangue a cada paso.

E quen nos vai valer, Terra de Montes;

quen mirará por nós, xardín do esquecemento;

quen virá nos gorentar, viño do olvido.





Estampado de luz

Episodio era, no teatro helénico, o que mediaba entre cada unha das intervencións do coro. Concepto, pois, de índole narratolóxica que remite ao plano sintagmático e metonímico. A luz, que é tempo, estampa na instantánea un espectro que remite ao plano paradigmático e metafórico. E velaí a fotografía, o estampado de luz. Un anaco do visible, análogo doutros anacos.

Luces de rapsodia

Anxo Angueira, Palmeiras, piueiros, Chan da pólvora, 2022. 

A poesía é un espazo de interior que linda con catro poderosos veciños. O pensamento e o sentimento, ao norte e ao sur, a pintura e a música, a leste e a oeste. A principios do S. XX un movemento de traslación levou a poesía musical e sentimental cara aos lindes da pintura e o pensamento. Na tradición poética galega Manel Antonio converteuse na figura desa viraxe. O seu célebra poema “Lied Ohne Wörte” (Canción sen palabras) recuperaba a célebre “Cántiga” de Manuel Curros Enríquez para presentarnos entón un amante navegante que apelaba a unha namorada “tan cursi polo xardín” dicíndolle que “outra noite pensarei en ti”. O antisentimentalismo pictoricista afastou a poesía anterior, con Cabanillas como máxima figura, sempre cunha palabra medida e ritmada que apelaba ao sentimento, e conduciu moitas das entón novas tendencias poéticas. O creacionismo e o surrealismo tomaron ese rumbo definido que logo se multiplicou en novos movementos e escolas. Mais sempre con esa dúbida constante que levaba de regreso á musica e ao sentimento. 

Os novos tempos da modernidade ultraliberal conduciron a unha merma da lectura e do tempo dispoñible para a lectura. Lese, cando se le, de xeito moi distinto e, pouco e pouco, vaise producindo un desprazamento cara ao audio-visual, no que a palabra escrita cede o seu lugar como obxecto visual á imaxe fílmica e/ou fotográfica, ao tempo que a palabra falada procura o seu empaste coa música e/ou os artificios sonoros. O audio libro e o vídeo poema son os novos obxectos. Ao tempo que o podcast ocupa unha parte do lugar antes reservado para a información escrita. E este mesmo desprazamento conduciu o poeta cara ao rapsoda. 

Penso que Anxo Angueira é, desde hai xa moitos anos, o noso mellor rapsoda. Un podium que comparte, seguramente, con Silvia Penas, Estíbaliz Espinosa ou Estevo Creus, e no que día a día se advirte unha maior competencia. A súa palabra dita e o seu poder vocal son exemplo de mestría para as novas xeracións de declamación e recitado. Os seus actos poéticos son seguidos ao longo do país por centos de persoas, case como se dunha estrela de rock se tratase. 

Palmeiras, piueiros é unha colección de textos rapsódicos, longos poemas listos para ser interpretados, que apelan constantemente a un sentimentalismo nacional e de clase que os torna ávidos de público numeroso, de celebracións públicas e vindicativas. Mais non por iso significa un regreso ao realismo social, do que en ocasións asoma a antipoesía de Parra, senón que se proxecta nese novo espazo de innovación e habelencia.  

Penso que por moito que a orquestra adquira unha funcionalidade wagneriana, na que un non pode negar beleza nin ser alleo aos numerosos estímulos, a música, que Angueira tamén domina, vai seguir roubándonos o corazón cunhas simples notas de frauta. 

Da mirada

A fotografía, o debuxo de luz, tomou como sinónimos dous significantes en grande medida antagónicos: por unha banda, a instantánea; por outra, a estampa. Enigma e revelación. E é que a ascese, a práctica, fotográfica resulta sempre de dous episodios confrontados e, mesmo independentes e distanciados no tempo: a toma e o revelado. A captura, non necesariamente instantánea, de luz, dunha determinada luz a incidir sobre unha parte do mundo (de aí que a fotografía sexa sempre metonímica). Velaí o enigma. E o revelado, a edición desa impresión de luz sobre o sensor, a revelación (de aí que a fotografía sexa sempre metafórica). Nos dous episodios intervén algo de natureza intanxible que provén directamente do suxeito suxeitado pola enunciación e ligado, por outra banda, á cultura e á historia: a mirada. 

A ideoloxía neoliberal, na súa loita contra o suxeito, reducido a individuo e a consumidor, logrou uns sofisticados trebellos, produto do requintamento da técnica e da ciencia, que obran o suposto prodixio de igualar vista e mirada, instantánea e estampa. O doutor Faustus a procurar a rendición da mirada. Mais a mirada, como a propia vida, non só resiste senón que se acrecenta e inflama. Velaí outro dos indicios de que imos poder contra o neoliberalismo. 

Oración ao home peixe de Francisco Leiro

Peixe grande e iluminado, 

condúcenos ao mar. 

Mestura de animal acuático e humano,

celeste criatura, 

mergulla nesas augas que percorres

o nada en que habitamos, 

e fai virar a onda,

a vaga oscilación do ímputo e a raiba, 

a saña do tumulto,

a cólera e a dor, 

oh peixe luminoso, 

pacífico e letrado, 

e dobra esta corrente 

dos tempos afundidos, 

dos días a caer,

curva este devir da claridade,

e brilla na presenza e na extensión, 

peixe grande e mesturado,

terreno e estelar,

de lama e de luceiros,

figura,

personaxe.