Luces de rapsodia

Anxo Angueira, Palmeiras, piueiros, Chan da pólvora, 2022. 

A poesía é un espazo de interior que linda con catro poderosos veciños. O pensamento e o sentimento, ao norte e ao sur, a pintura e a música, a leste e a oeste. A principios do S. XX un movemento de traslación levou a poesía musical e sentimental cara aos lindes da pintura e o pensamento. Na tradición poética galega Manel Antonio converteuse na figura desa viraxe. O seu célebra poema “Lied Ohne Wörte” (Canción sen palabras) recuperaba a célebre “Cántiga” de Manuel Curros Enríquez para presentarnos entón un amante navegante que apelaba a unha namorada “tan cursi polo xardín” dicíndolle que “outra noite pensarei en ti”. O antisentimentalismo pictoricista afastou a poesía anterior, con Cabanillas como máxima figura, sempre cunha palabra medida e ritmada que apelaba ao sentimento, e conduciu moitas das entón novas tendencias poéticas. O creacionismo e o surrealismo tomaron ese rumbo definido que logo se multiplicou en novos movementos e escolas. Mais sempre con esa dúbida constante que levaba de regreso á musica e ao sentimento. 

Os novos tempos da modernidade ultraliberal conduciron a unha merma da lectura e do tempo dispoñible para a lectura. Lese, cando se le, de xeito moi distinto e, pouco e pouco, vaise producindo un desprazamento cara ao audio-visual, no que a palabra escrita cede o seu lugar como obxecto visual á imaxe fílmica e/ou fotográfica, ao tempo que a palabra falada procura o seu empaste coa música e/ou os artificios sonoros. O audio libro e o vídeo poema son os novos obxectos. Ao tempo que o podcast ocupa unha parte do lugar antes reservado para a información escrita. E este mesmo desprazamento conduciu o poeta cara ao rapsoda. 

Penso que Anxo Angueira é, desde hai xa moitos anos, o noso mellor rapsoda. Un podium que comparte, seguramente, con Silvia Penas, Estíbaliz Espinosa ou Estevo Creus, e no que día a día se advirte unha maior competencia. A súa palabra dita e o seu poder vocal son exemplo de mestría para as novas xeracións de declamación e recitado. Os seus actos poéticos son seguidos ao longo do país por centos de persoas, case como se dunha estrela de rock se tratase. 

Palmeiras, piueiros é unha colección de textos rapsódicos, longos poemas listos para ser interpretados, que apelan constantemente a un sentimentalismo nacional e de clase que os torna ávidos de público numeroso, de celebracións públicas e vindicativas. Mais non por iso significa un regreso ao realismo social, do que en ocasións asoma a antipoesía de Parra, senón que se proxecta nese novo espazo de innovación e habelencia.  

Penso que por moito que a orquestra adquira unha funcionalidade wagneriana, na que un non pode negar beleza nin ser alleo aos numerosos estímulos, a música, que Angueira tamén domina, vai seguir roubándonos o corazón cunhas simples notas de frauta.