Ariadna

A história do fío de Ariadna é a historia de Occidente. Un relato que ten que ver con perdas e extravíos, procura de saídas, lapsos e ausencias, mais, sobre todo, ten que ver coa linguaxe. Teseo encontra o cabo dun fío do que tirar. Metaforicamente unha palabra coa que entrar na cadea significante. Que é como encontrar un camiño. E, a partir de aí, de horizonte en horizonte, de palabra en palabra, vagando e divagando. 

Lacan, relendo a Freud, viu que coincidían o Edipo, a adquisición da linguaxe e o estadio do espello. Ese momento en que os mociños descobren a súa integridade física e declaran a independencia, mal que lles pese, da teta nutricia. Que as palabras que, curiosamente, dan conta do mundo non son, porén, o mundo. E velaí o fío de Ariadna. 

Teseo, como todos nós, sálvase por unha palabra que conduce a todas as outras palabras. “Unha palabra túa abondará para sandarme”. 

Seica un coñecido, que enfermou e morreu hai uns anos, pediu ser enterrado xunto ao seu teléfono móbil. E seica outro coñecido, que soubo do caso, moi afectado polo falecemento, envioulle mensaxes ao celular durante uns días, supoño que os que durou a carga da batería do aparello. Logo, necesariamente, interrompeu a emisión. 

Mais, pasados uns meses, como queira que non borrara o número de contacto, renovou a tentativa de coloquio. E, para a súa sorpresa, si que obtivo resposta. Podería alongar a historia con detalles, facer máis dilatado o enredo. 

O curioso do caso é que a persoa que contestaba obedecía ao nome de Ariadna. 

Un novo celular, un ton de voz distinto, outro individuo. Un mesmo labirinto.