O contraste entre a beleza natural da contorna de Vigo e a realidade ruín das súas rúas e estafermos evidencia o conflito social dunha cidade agónica (a agonía era en Grecia a loita, o litixio), rexida desde a noite dos tempos por unha oligarquía local depredadora e inculta, incapaz de calcular o valor simbólico dos obxectos e a súa proxección no tempo e na historia. Unha oligarquía colonial e residente que obtivo no estafermo, aínda non derrubado, da illa de Toralla o seu maior logro ético-estético, por non mencionarmos outras numerosas “preciosidades”. A lixeireza con que se acometen modificacións importantes no aspecto da cidade sen térense en conta as consecuencias poéticas é signo da falta de altura de miras, da covardía dos seus dirixentes, empeñados en vitorias de inmediato rendemento electoral e faltos da envergadura dunha ollada que vaia máis alá da corrupta actualidade.
Por sorte, o sol non deixou de porse en todos estes anos, por máis que a cidade foi tapando, un tras outro, os lugares desde os que se ofrecía unha perspectiva impresionante da ría e do solpor. O último, Vía Norte, onde un novo centro comercial velou cunha planta de instalacións e aparellos para o lecer do persoal as antigas e prezadas vistas. O próximo, malia as protestas continuadas dos veciños, o Paseo de Afonso. Por non falarmos da inmensa trola que foi o Abrir Vigo ao Mar.
Propoño un proxecto internacional, que, en inglés, se podería denominar SUNSET CITY, que vertebre todas as cidades do mundo que poidan presumir da fermosura dos seus solpores. Esa nova institución, promovida desde os organismos locais de Turismo, velaría e lexislaría pola conservación das vistas actuais e promovería un premio anual denominado SUNSET CITY INTERNATIONAL AWARD. Anda que non virían visitantes.
Contra as bombillas de Caballero as luces do solpor.
