Gramática do goce

Alberte Santos Ledo, A muller de lona, Ed. Laiovento, 2022

Un ninguén, empregado nun aparcamento, hábil no manexo e ordenación de vehículos (e velaí un dos núcleos temáticos), procede a pór orde na propia existencia, dilatada entre unha noiva e unha amante, escribindo sendas cartas de despedida, antes de resolver cal será a beneficiaria do seu adeus, decisión que tomará por sorteo, por azar, (e velaí outro dos núcleos temáticos).

Polo medio, entre as fantasmas da unha e da outra, cóase a imaxe dunha modelo publicitaria que ocupa un valado, visible desde o parking: a muller de lona. O discurso atende sobre todo ao diálogo con esas tres imaxes, diálogo no que se vai producindo, pouco e pouco, o tecido textual da novela. Ese Eu, como significante dun suxeito suxeitado pola enunciación, saca á luz o seu síntoma, que non é outro, que non pode ser outro, que o da soidade, obrigado a lidiar cos seus fantasmas, obxectos enfrontados que lle devolven a propia suxeitividade.

Aínda que ao principio a noiva e a amante parecen ser o centro do litixio, ao pouco, a modelo publicitaria, á que non trata máis que como espetador e consumidor, vai gañando peso e intensidade. Sabe cousas dela, coñece o seu nome real, e calcula poder integrala dentro do propio imaxinario nun exercicio máis de equilibrio, de ponderación, de traballador xa antigo dunha empresa ao que queren ascender desde a posición de vixilante á de supervisor.

Así se traza esta traxedia de interior que dilucida o conflito entre o individuo, moral e ético e social, de raíz cartesiana, asentado sobre o cogito ergo sum, e o suxeito, escindido entre o azar da súa inconciencia e a gramática do nome do pai, que nos devolve á humanidade e á raíz non mesurable, non cuantificable. E así este conflito entre mesura, na empresa, na contabilidade, na economía, no planificable, e desmesura do goce, da arte, da revolución, do amor.

E todo escrito como un diálogo que abranxe os vinteoito días do mes de febreiro e os vinteoito capítulos de que consta a novela.

Estamos perante un exercicio que ten que ver co xerme existencialista da novela contemporánea. Esa maneira de afrontar o texto do romance como espazo para o pensamento, como campo no que debuxar todo canto de teórico pode figurar na ficción. E isto non porque o texto asuma condicións que non lle corresponden, aventurándose polos camiños da teoría e da especulación, senón porque das propias redes de feitos, acontecementos e personaxes que se urden van derivándose circunstancias que animan a pensar, a supor, a considerar que, alén das palabras propias da novela, existe outro discurso, outra enunciación que está a ter lugar na conciencia dos lectores e que inclina ao pensamento. Un modelo de novela que esixe un dominio lingüístico e retórico importante, por máis que na presente edición sexan visibles aspectos mellorables en canto a grallas e erros que, por veces, desvirtúan o conxunto.

Penso mentres leo naquel lema inesquecible de Lacan a propósito do amor: “Amar é dar o que non tes a alguén que non é”. A imaxe dun rostro e dun corpo sobre a lona dun valo publicitario.

Felizmente Queipo

Xavier Queipo, Final Feliz, Xerais Narrativa, Vigo, 2022

Once relatos que se poden ler como unidade toda vez que a voz enunciativa procura certa conxunción das historias polo ton continuado e a perspectiva cara aos asuntos relatados. Isto apunta a unha enunciación que asume papel protagonista (mirade o que vivín ou soñei e agora evoco) e lévanos a pensar na inestabilidade dos xéneros narrativos, sobre todo cando se confrontan entre si e é o propio obxecto libro, o volumen que os recolle, quen establece finalmente esa unidade. Cal é o estatuto ontolóxico da novela e do relato, en que medida unha novela non é unha colección de relatos ou en que medida unha colección de relatos, como pode ser o caso, non apunta á suposición dunha novela, por máis que esta fique na opacidade, sen darse a ver ou desvelarse.

Así, o conxunto obedece a un continuum do percurso imaxinario do autor, unha especie de axenda fabuladora en que se foron anotando, mesturadas por veces nun torbeliño onírico, lembranzas, fantasías, crónicas, desexos frustrados, sombras percibidas ao lonxe, voces escoitadas ao pasar. Queipo narra historias que ás veces son detalles, matices, peculiaridades da existencia, e fía a solidez do seu relato non tanto ao plano ficcional, moitas veces suxerido, deixado en suspenso para elaboración do lectorado, como ao plano da dicción, onde unha mestría na expresión contribúe a despexar os momentos ficcionalmente máis fráxiles.

Once relatos que se poden ler como unha introdución seguida de cinco pares temáticos, como se cada conto par tivese o seu reflexo no seguinte impar, mesmo como unha variación, unha reescrita. Así os motivos do encontro dos amantes, en circunstancias de bondade ou certamente tráxicas, a dominación sexual, non exenta de ironía e comicidade, as biografías de mariñeiros, entre a épica e a melancolía, as anécdotas de médicos principiantes, historias situadas en países do leste (Kiev, Sofía).

Queipo narra con deleite e agrado do que conta, non se evade pola complexidade ou a simpleza do acontecido, como se de fondo unha voz nos susurrase: isto é o que hai. Botando sempre man da distancia como raíz do mítico, no tempo e no espazo. Personaxes en circunstancias espaciais ou temporais extremas. A pesca en Terranova, unha reunión política en Kiev, un punkie sumiso nunha procesión de Semana Santa, o asistente dun psiquiatra rural que visita tolos en casas perdidas.

Sendo este un volume que merece ser considerado, toda vez que nel se dan cita atributos que foron definindo ao longo dos anos un periplo de centos de páxinas de narrativa impecable, a viaxe e a perspectiva errante, personaxes singulares, unha galeguidade sen límite mergullada nos vaivéns do mundo e da globalización, agardamos de Queipo e da súa madurez definitiva como escritor esoutro froito imposible que nos levaría a considerar que, como no refrán popular, sabe máis o demo por vello que por demo.

May be an image of 1 persoa e text that says 'XERAIS NARRATIVA XAVIER QUEIPO FINAL FELIZ X'