Xavier Queipo, Final Feliz, Xerais Narrativa, Vigo, 2022
Once relatos que se poden ler como unidade toda vez que a voz enunciativa procura certa conxunción das historias polo ton continuado e a perspectiva cara aos asuntos relatados. Isto apunta a unha enunciación que asume papel protagonista (mirade o que vivín ou soñei e agora evoco) e lévanos a pensar na inestabilidade dos xéneros narrativos, sobre todo cando se confrontan entre si e é o propio obxecto libro, o volumen que os recolle, quen establece finalmente esa unidade. Cal é o estatuto ontolóxico da novela e do relato, en que medida unha novela non é unha colección de relatos ou en que medida unha colección de relatos, como pode ser o caso, non apunta á suposición dunha novela, por máis que esta fique na opacidade, sen darse a ver ou desvelarse.
Así, o conxunto obedece a un continuum do percurso imaxinario do autor, unha especie de axenda fabuladora en que se foron anotando, mesturadas por veces nun torbeliño onírico, lembranzas, fantasías, crónicas, desexos frustrados, sombras percibidas ao lonxe, voces escoitadas ao pasar. Queipo narra historias que ás veces son detalles, matices, peculiaridades da existencia, e fía a solidez do seu relato non tanto ao plano ficcional, moitas veces suxerido, deixado en suspenso para elaboración do lectorado, como ao plano da dicción, onde unha mestría na expresión contribúe a despexar os momentos ficcionalmente máis fráxiles.
Once relatos que se poden ler como unha introdución seguida de cinco pares temáticos, como se cada conto par tivese o seu reflexo no seguinte impar, mesmo como unha variación, unha reescrita. Así os motivos do encontro dos amantes, en circunstancias de bondade ou certamente tráxicas, a dominación sexual, non exenta de ironía e comicidade, as biografías de mariñeiros, entre a épica e a melancolía, as anécdotas de médicos principiantes, historias situadas en países do leste (Kiev, Sofía).
Queipo narra con deleite e agrado do que conta, non se evade pola complexidade ou a simpleza do acontecido, como se de fondo unha voz nos susurrase: isto é o que hai. Botando sempre man da distancia como raíz do mítico, no tempo e no espazo. Personaxes en circunstancias espaciais ou temporais extremas. A pesca en Terranova, unha reunión política en Kiev, un punkie sumiso nunha procesión de Semana Santa, o asistente dun psiquiatra rural que visita tolos en casas perdidas.
Sendo este un volume que merece ser considerado, toda vez que nel se dan cita atributos que foron definindo ao longo dos anos un periplo de centos de páxinas de narrativa impecable, a viaxe e a perspectiva errante, personaxes singulares, unha galeguidade sen límite mergullada nos vaivéns do mundo e da globalización, agardamos de Queipo e da súa madurez definitiva como escritor esoutro froito imposible que nos levaría a considerar que, como no refrán popular, sabe máis o demo por vello que por demo.
