Cantabas na terraza o enteiro repertorio de Simon & Garfunkel.
Sorrisos dos turistas, aplausos e moedas.
Dominio instrumental e excelencia vocálica.
Agás a Ponte,
Nunca mellor dita,
Sobre auga atormentada.
Comezabas no piano,
A voz que se aventura,
O silencio da emoción do público entregado.
A brisa do verán deixándose sentir
En blusas e camisas,
Mais ao chegar á “silver girl”,
A rapariga de prata,
O coro de beodos, viúvos e solteiros,
Acentos moi diversos,
Australias, Canadás, Nebraskas, Alabamas,
Atronaba por enriba.
Melancólico orfeón de rota humanidade.
Eu andaba por alí.
Sorrías ao mirarme.
Deixabas escorrer
Dos ollos unha bágoa
Ao tempo de intuír
Nas voces e nos ecos
A incerta refracción
Da dor que supuraba.
Porque o corazón xamais se entrega todo, dicías.
Só se empresta de cando en cando.
