Teoría política

Cruzara os labirintos que permiten
entrar no Labirinto,
ollar desde a distancia a singradura
das naves que regresan,
as pontes espectrais desveladas entre a néboa
como nais que se aventuran
a ser forma do prodixio
e interpelan o legado
que deixaron na carne
e preguntan polos nomes
e sentencian no silencio.
 
E dixo aquela voz silente que sentía
no peito e na cabeza:

«Encontres  na prudencia e na humildade 
fianzas dos teus actos.
E acendas para todos razón dos argumentos   
lonxe do amargo erro, 
fóra da corrupción. 

No extremo da ruindade, distante dos enganos, 
gobernes no poder consolo dos discretos, 
conforto dos sensatos, 
e saibas da vellez topar o lenitivo. 
Que alimentes o camiño da verdade, 
o brillar da lucidez».

Rito

Longos anos trasladei o meu corpo por ocasos
Por tormentas e venturas
Procurando un non sei que de lugares e horizontes.
Era algo sen obxecto,
Unha especie de substancia,
A chamada radical da raíz ou do destino. 
E así celebro agora o rito do lugar,
O cántico da nube e da presenza,
Da herba que acariña as plantas dos meus pés,
Dos froitos que aprodecen pola terra.

Il ritorno d´Ulisse in patria

Que humildes os peiraos e embarcadeiros
Se inclinen ante o vello que regresa
Cargado con estoxos de emoción
E sacas de pericia e pensamento; 
E saiban pescadores, mareantes, 
No extremo de tamaña singradura,
Do éxito do voo, 
Da arte e da destreza
Que foron camaradas, consortes, mesmo amantes, 
Da mente e da ferida, no espírito e na lama,
Son fórmulas que verte o tempo pola historia
Riquezas, capitais, de bruma e neboeiro 
Manchado polo inverno e a distancia.

Mirada

Falar como produto 
dun proxecto de vontade. 
E calar. 
Pois nada se regala mellor que unhas poucas palabras. 
Abonda con ceibalas desde os labres
e, no instante, poden ser agasallos ou dagas,
fermentos de felicidade
ou ferruxes tóxicas;
leito para descansar 
ou mareira en que afundir, 
definitivamente. 
As fotos nunca deixan de falar.
Porque a mirada está feita de palabras.

Seixas

En Seixas houbo acaso propósitos de erguer
A Venecia miñota. 
Algúns dos edificios a dar conta
Dese asomo de delirio.
Un arrebato, unha demencia,
Con notas de Goa e do Brasil. 
Dou fe de que o solpor,
Inclinado a esparexerse
No torrente do Miño,
Espello envellecido de distancia,
Exhala moitas noites
Vapor de desvarío.