As casas que habitou aquel que foi outrora
conservan os fragmentos do tempo decorrido,
as sombras nos espellos, o pálpito da hora,
as voces que resoan nun eco revivido.
As portas e as paredes, o pó do mobiliario,
os anxos que perviven no voo dunha moldura,
asoman no rumor do fondo dun armario
e é certo que o que foi presente inda perdura.
Mais sabe que o que segue, alén dunha figura,
aquilo que enraíza na música da historia,
é froita que se ofrece nas árbores madura,
son aves que regresan no vento da memoria.
E aínda no que asoma sen corpo na esperanza,
aquilo que proxecta futuro na lembranza.
