Letra de canción

Remexendo entre vellos papeis encontrei esta (letra de) canción. Gardo un recordo moi borroso dos tempos e as circunstancias en que a escribín.  Só precisa alguén que lle poña música e a cante.

RAÍÑA DE COPAS

Ela era a Raíña de Copas,

Afrodita ou Diana a cazar,

A tormenta que chega do norte

E unha illla no medio dun bar.

 

Camiñaba debaixo da noite

E subía até aos templos do alcol

A vender a súa froita queimada

Esperando a chegada do sol.

 

Maquillaba os seus ollos de verde

E a mirada quería saír

Desde o fondo dunha torre triste

Erixida tan só de marfín.

 

Entre os moitos que dela extraían

O metal máis prezado dun soño

Eu estaba bebéndome a vida,

Navegando por mares de outono.

 

E unha noite de inverno chovía.

Non había na rúa ninguén.

E ela estaba debaixo dun porche.

Ola. Como che vai. Moi ben.

 

Pregunteille non es ti a raíña,

A que entra nos bares gloriosa,

Da que a mesma Minerva ou Atenas

Parecen sentirse celosas.

 

E dixo non son máis que a fada

Que habitaba entre os bardos de onte,

A que entrega o sorriso e a noite

Aos que levan un verso na fronte.

 

E non era a Raíña de Copas,

Afrodita ou Diana a cazar.

Si a tormenta que chega do norte

E unha illa no medio dun bar.

 

035 copy.jpg

o voo da miña vida

tumblr_m3hencQTJE1qcwhbgo1_500

 

andabas como un cego os vultos apalpando

seguindo ou perseguindo nas sombras non se sabe

e entón alguén se puxo por diante dixo vén

e fíxote mirar

 

non era unha pantasma mais tiña unha certeza

caía o seu cabelo derrubando

a prata da fervenza

e había dous lunares dúas lúas

sorrindo para ti

e foron como iscas que prenderon

os lagos en que xorde constelado

o cisne sideral

 

e foron moitas e moi longas

as tardes que entreguei

ao curso dos teus soños

foron moitas e incesantes

as semanas

foron múltiplos os lustros

 

e fun por entre as herbas procurando

un cólico de cinza necesaria

un látigo de sal

 

oh ti a destinada

a ser quen esparexa

o voo da miña vida

proposición

tumblr_lorp9dx3Gq1qb8vzto1_500

agora que o declive do día xa esparexe

as augas preguiceiras do Loira cara a Nantes

deitando sobre os sulcos das augas a moeda

do sol como un denario

e volve decretar un leve harpexio branco

fantasmas desolados que a noite arrebatou

remotos no seu fondo de lama e desmemoria

feliz no meu vagar errante no meu voo

un máis dos que acostuman pasar o tempo aquí

seguindo o voo das augas

no aberto mirador do ocaso sobre o mundo

que vai deixando fitos de pedra polos campos

fundando un horizonte

 

quixérache eu propor

subirmos a un navío

e ser puro naufraxio

letra de cantiga

tumblr_lntbytwYUh1qb0bzxo1_500

os días que a tristeza me furtou

caeron sobre a lámina do inverno

e foron devalando río abaixo

o mesmo que os paxaros esgotados

que curan sobre as augas o cansazo

 

non foron máis que días

iguais a moitos outros

os círculos fechados

do sol e do planeta

 

a torre en que durmiron eses días

desprende a cada pouco os seus cascallos

e verte un fío azul como de sangue

e deita contra a terra o seu vapor

 

son signos desta era (a época da cinza

o tempo en que se abaten os alpendres

e fican polo chan grandes palacios)

que todo vira e muda a cada pouco

 

tamén a miña vida noutro tempo

soñou con ser eterna e prodigarse

propuxo esparexerse como un voo

e logo foi tornándose ruína

 

tamén as vidas todas nun século virán

fundirse co horizonte e co desexo

igual que o xeo da noite derrete polo día

igual que o fume esvae se sopra o vento

harmonium

12

ignora como sopran os misterios

e sabe máis ben pouco do silencio

só toca as cordas rotas

dun resto de piano

e escoita o son que verte o refugallo

os troncos dun naufraxio polo río

as cinzas dun incendio que abafou

 

despois senta a beber tisanas no solpor

e fala cunha sombra de si mesmo

feliz como se houbese

un barco na súa espera

feliz como se houbese

un barco na súa espera

 

ignora como sopran os enigmas

o moito que han durar estes fulgores

o pouco que aínda resta de misterio

só tanxe un  vello harmonium

con restos de tabaco

e un certo pouso agrario

de igrexa rural

 

despois camiña espido na noite xunto ao río

e fala cunha sombra de si mesmo

feliz como se houbese

un barco na súa espera

maldito país

photographicsurrealism1

Raza escura galaica

de rústicos instintos

que inxusta sacrificas

os teus mellores fillos;

madrasta desleirada

de designios cativos,

proxenie ignava e inculta

que aborreces teus ínclitos;

da polvorosa gleba

pobo tan só engreído

e ás cousas inclinado

dos escuros sentidos;

¡ai de ti, dura raza,

de proceder esquivo…

Eduardo Pondal

Ah, meu país,

Meu maldito país.

E pensar que che entreguei o mellor da miña vida

Para só recuperar froitas murchas e fracasos.

Para sempre arriarei do meu peito a túa bandeira.

Das tardes que inda garde outono para ti

Das tardes que inda garde outono para ti
fechadas entre as páxinas e as sombras dalgún libro,
ocultas ao clamor do sol que se esparexe,
conserva as máis escuras, aquelas en que o voo
da noite se aproxima nupcial e tenebroso
nun carro con hortensias e cisnes e distancias.

Son esas as que fundan nos pozos que hai na alma
insomnes mananciais de lúa e negra prata
e libran enxurradas de cinza e de loucura.

Das outras, das que veñen envoltas en silencio
e medran gañadoras dos cálices e a música,
recolle algunha imaxe, os selos con que asinas
os últimos decretos, os vellos calendarios.

Que todo ha de fuxir, o mesmo que xa foxen
epístolas, lembranzas, insomnios, pesadelos.
E nada vai ficar. Só libros que deixamos
sen ler sobre unha mesa, só noites consumidas
oíndo como viña un longo harpexio branco.

promesa

o inverno xa se foi baixou por unha encosta
de flores e de lama seguindo unha laberca
con rumbo cara ao norte e dixo adeus amigo
verémonos o ano que vén se o mundo segue
virando como viran as rodas e as esferas
acaso chegue tarde ou pode que se adiante
o barco en que viaxo o tren que me arrebata
por neves e montañas mais xuro que virei
non chores esta ausencia nin reces polos ventos
que sopran polo inicio de outubro o meu anuncio
serás feliz de novo comigo che prometo

por sorte non chegou aínda a primavera
e andan asubiando nos aires desolados
escuro acordeón e doce mandolina
sen dúbida interregno ronsel que nos ficou
do barco cando ía silente contra o fondo
do fondo da distancia