a canción que maldicimos
a que canta desde a sombra
a que leva unha gaiola procurando unha distancia e derruba o seu silencio sobre as láminas da noite
a que foi chegando tarde
porque nunca será cedo para aquel que agarda o canto como un barco ou unha carta
a canción que non chegou
porque disque foi roubada como son algunhas veces arrincados do destino flores árbores e sombras ríos lápidas misterios
a canción esa que digo
a que nunca me escoitaches
a que un día e outro día pretendías que escribise porque eu era o que cantaba porque daba luz á sombra
a canción esa que sempre mencionabas nas túas cartas
a canción si esa canción que non souben dedicarche
aquí está desenredouse das cadeas do misterio e foi dando notas breves
clarinetes polo baixo xa esparexen o seu voo o rumor do seu incendio
sexan graves para ela os vapores da fortuna
e o rumor do esquecemento