Aforismo 4: sobre Don Juan

Cando Lacan describe a “fascinación polo narcisismo do Outro” está a establecer un bucle segundo o cal:

1. a maior narcisismo maior sedución,

2. a maior sedución maior insatisfación,

3. a maior insatisfación menor narcisismo,

4. a menor narcisismo menor sedución,

5. a menor sedución maior satisfación,

6. a maior satisfación maior narcisismo…

O inferno de Don Juan radica nun curtocircuíto ao pasar de 3 a 4, que o devolve ao paso 1.

Don Juan é coma un disco raiado na parte máis fermosa da canción. Sorprende favorablemente mais, logo de varias repeticións, vólvese infernal.

Cita 2

Os heroes errantes son fálicos, nun permanente estado de erección, erguidos sobre a chaira. A palabra coito representa a sexualidade xenital como o acto de camiñar (ambrar, de ambulare, no galego medieval), pero a inversa tamén é valida: todo acto de camiñar ou de vagar polo labirinto é xenital-sexual. Todo movemento é fálico, todo comercio é carnal. Hermes, o falo, é o deus dos camiños, das portas, de todas as entradas e saídas; de todos os acontecementos.

(Norman O. Brown, Love’s body)

Aforismo 3

A fotografía é a arte melancólica. A súa identidade brota da rapidez na produción e da facilidade na reprodución. Os dous ideais do capitalismo.

A fotografía é sempre unha ficción. A súa ilusión de realidade xorde de ser unha arte mimética ao tempo que diexética. Mais o seu mimetismo está reservado ao espazo. O tempo xa fuxiu.

Se o pacto da ficción é “isto non é”, o pacto da fotografía é “isto (xa) non é”. Por iso, na fotografía, o espectador posúe, imaxinariamente, aquilo que nunca tivo.

Unha sociedade dominada polo fotografía é unha sociedade melancólica. Vive posuída pola ilusión e polo fantasma.

Aforismos 2

Na melancolía, a dor sinala a perda imaxinaria dun obxecto. O melancólico sofre por algo que nunca tivo e que fantasea como perdido. Así, a satisfacción narcisista brota dun dó que nunca debera ter lugar. E o melancólico goza a través dunha posesión imaxinada en pasado. O Ego está sempre a salvo porque tivo e, como di o refrán, “o que tivo, retivo”.

Algúns rexeitamentos poden verse en paralelo coa melancolía. Rexéitase unha petición que nunca tivo lugar. E esa demanda imaxinada e rexeitada está chea de gozo. O rexeitamento convértese, así, nunha práctica gozosa, mais que sinala unha ferida. E é a ferida a que sangra a través del, un sangue tan vermello como agudos son os seus gritos.

Aforismo 1: le cygne noir, le signe noir

 

Se a lóxica da obra debe ser diferente da lóxica do sistema, daquela, no vídeo poema, é a parte técnica a que representa o sistema, coa súa cibernética, a súa primacía do visual, a súa procura do sublime tecnolóxico. Pola contra, o texto, espido ante os alardes da sociedade liberal-burguesa e o seu progreso científico-técnico, represéntase a si mesmo. A súa bandeira é a da poesía, a do signo e a do cisne.

Cita 1

“A técnica da industria cultural levou só á estandarización e produción en serie e sacrificou aquilo que facía que a lóxica da obra se diferenciase da lóxica do sistema social. E isto non se debe atribuír a unha lei do desenvolvemento da técnica como tal, senón á súa función na economía actual”.

(Adorno e Horkheimer, Dialéctica da ilustración)