Pilotaxe do Inferno II

myWPEdit Image

Os pilotos que navegan polas augas do Aqueronte
A fumaren no cachimbo herbas cálidas e umbrías
Nunca ollan a estribor
(O lugar por onde baixan os que xa non volverán)
No momento da arribada.
No costado dos seus barcos fican restos da viaxe,
As reliquias e as migallas, os vestixios e o pó,
Sedimentos do que foron existencias, longas vidas,
Anacos e seccións, feces, desperdicios.

Mais eles, os pilotos, felizmente non se encargan
De limpar pola coberta refugallos e despoxos.
Que os pilotos fuman, beben, len esquelas, ou escoitan
De seguido Richard Wagner. Condenados
A esta vida viaxeira, son felices cando deixan
Atrás o seu país, nos meses en que poden
Cobrar o seu descanso. Pois ben saben
Que algún día, máis antes que despois,
Han subir a algún dos barcos
Que percorren incansables
A noxenta travesía.

Os pilotos, entrementes, sorben líquidos escuros
Que os embriagan, pasan tardes no cinema,
E namoran con decencia bailarinas.

Son estraños os pilotos.
Tantas horas de ollar néboa.

Luísa Villalta, póstuma, entrevista

luisa_villalta

ALÍ EN Brandemburgo, á beira de Polonia,
No límite das terras que forman Alemaña,
Un día de febreiro do ano dous mil cinco,
Saíndo dunha boca de metro entre o xentío,
Mirei de ti, Luísa, o espectro, a tenue chama.
Nevaba aqueles días. Berlín era unha xélida
Cidade de fantasmas. E ti tamén miraches
Pra min con ese aceno de alguén que te coñece
E evita conversar.
Foi menos dun segundo.
O tempo de facerme saber que inda perduras
Mais pensas proseguir distante, esvaecida,
Ausente no retiro da música e os fríos.
Andaba nesas horas un pouco enfebrecido
E lembro que tomara algunha medicina.
Tamén que na comida fixera acompañar
Os pratos con delicias douradas de cervexa.
E nada máis que ti mirei entre as persoas
Saíndo daquel tren. Serena e viaxeira.
Portando nunha man a caixa do violín.
E negro o teu abrigo, tamén o teu chapeu,
Acesa na mirada curiosa unha saudade.
E díxenme: “Seguro que fala nalgún bosque
Co espírito de Bach; que leva na maleta
Poemas, partituras, e logo, no serán,
Asiste a eses convites, preludio de concertos,
Que acenden a cidade de música e de chamas”.
Por iso non me erguín. Deixei que te perdeses
Nas árbores máis altas, nas nubes que dan neve.

 

Tuve una rara intuición: encendí rápidamente otro fósforo.
Tal como lo había intuido, el rostro de María sonreía. Es decir,
ya no sonreía, pero había estado sonriendo un décimo de segundo
antes
.
Ernesto Sábato

na memoria de Luísa Villalta (1957-2004)

Hamlet II

musicisti_rom

Daquela fomos dando mil voltas ao naufraxio.

Turraban os cabalos dunha escura dilixencia

e nós, como unha harpa, seguíamos detrás

deixando que o camiño se alongase,

que o tempo fose dando unha virada

por fontes e por pontes.

As fontes de saciar aquela sede.

As pontes de salvar aquelas chuvias.

E todo viña envolto no silencio.

As áncoras que outubro pondera nos inicios

do outono gorentoso

tensábanse coa forza da enxurrada

e tardes puiden ver no límite do tempo

a arderen como fachos de nostalxia.

E templos derrubaron as augas no percurso

e torres vin caer e pórticos e casas

pois era o mes azul da apocalipse,

o túnel que vertía no íntimo dos pazos

un voo de fume absurdo pola herba.

Eu tiña por entón o corpo consumido

nun baño de fatiga,

vertía entre os meus dedos a cinza das hortensias

e a palma estaba branca das mans como un milagre.

Oh dime que non foron tan certos estes feitos,

que minto como menten as lágrimas e as horas.

Hamlet I

tumblr_m0a4usLIFd1qb1quio1_500

Entón mirei que viña a sombra de meu pai

feliz entre os murmurios dun antigo clarinete

e souben que eran días de presenza.

Non tiña a luz azul dos corpos consumidos

tampouco a sombra ingrata dos ollos esgotados

nin voos de antigas aves a furar

as tardes sobre a lámina do peito.

Mais ben era un silencio unha ferida

un canto que baixara a camiñar

no vento que fumega entre os salgueiros.

E vin que atravesaba unha palabra,

a sombra dalgún nome ese vocábulo

da música feliz.

E púxenme a dicirlle catro cousas.

Acaso algunha menos. En fin

que conversamos.

Corría polas augas o outono sixiloso,

espellos dun verán que se perdera

e o mundo tiña séculos de sede.

Chovese o que chovese xamais cancelarían

as chuvias unha débeda sen fin.

o lombo dunha estrela

tumblr_m3fz5nMT5v1r2ahh3o1_500

 

e souben que eran días caendo para atrás

que abrían unha lenta solemne procesión de cinco ou seis minutos

camiño de teatros no inverno máis fecundo

 

leváronme de présa seguindo algunha sombra

por neves e montañas alén do mar perdido

cargando a doce mole do peso da existencia

 

e ti como unha sombra deixáchesme pousado

a voz máis solitaria que caiba recordar

os meses de novembro de outubro debuxando

subín nun tren lixeiro camiño da cidade

gardando entre os misterios da brétema unha voz

imperio reducido a un mínimo lugar

con páxinas escuras de ignotos pentagramas

 

que aquelas eran regras do xogo da ruleta

deixar que se derramen en limpas emocións

as mans sempre dispostas no peto dun abrigo

 

e fíxenme feliz fugaz como unha ave

en fondos remuíños en cólicos sen fin

ao longo do traxecto de altos ríos

durmido sobre o lombo dunha estrela

A lava do crepúsculo

tumblr_m0vy8gxxOB1qz6f9yo1_500

E sentou a contemplar o pobo triste de Galicia.

 

El era dos que andaban carretando os cadaleitos,

os sinxelos ataúdes do misterio.

Aquel que, encadeado e preso sen porvir,

os pórticos e sombras, as prazas e ruelas,

solemne percorría,

insólito almirante das frotas afundidas.

 

Erguido entre as materias que a tarde foi pousando

nas covas da tristeza

viradas para sempre a un sol que esmorecía

expuxo o seu velamio aos cólicos do vento,

deixou que as augas fosen levando o seu fluír

de sopros abafados, de aires compunxidos,

de corpos como naves varadas nas baías

ao pé de catedrais,

asombros dunha luz batendo contra o mundo,

e dixo que era tempo,

o mesmo que alguén grava con ferro de cincel

palabras sobre as pedras.

E deu algún traspés nos banzos ou na porta.

 

Mais era que pasaba o pobo triste de Galicia

seguindo a prefixada derrota da paisaxe.

 

As torres que se erguían no límite da néboa

sentiran que a borralla formaba un horizonte

camiños nos cruceiros e rumbos nas estradas

e daban en caer

igual que precipicios

as torres como áncoras e liras

as torres como incendios e naufraxios

as torres como pontes e teatros

 

E púxose a mirar os corpos que pasaban.

os corpos que a ruína, amante, posuirá.

o incógnito volume que todos procuramos

do pobo cos seus gritos

do pobo entre as hortensias

acaso esconxurando un mar que derretía

algún discurso vago que a xente namoraba.

 

El era dos que andaban furando no silencio

un voo de auga sombría.

 

Os tempos viñan longos do fondo dos naufraxios

e daban en bater as portas contra o escuro

solemnes como un río que fose esparexer

no mar a caixa aberta das borrallas

de todos os incendios.

 

E o pobo andaba canso a derreter

os séculos da historia.

 

Por iso foi formando o grupo dos vencidos

daqueles que deixaran de chorar

e foi querendo ser como unha ave

erguida sobre a torre para ver

a lava do crepúsculo.

blues

sarolta-ban241

o triste é que non houbo ninguén que se atrevese

alguén que erguese a chave e fose para o mar

co soño dunha porta

a idea da cancela abríndonos o espazo

a un cento de camiños no solpor

 

(hai tempos para todo e días de partir

de estar de pé na proa dunha nave

sentindo o voo da brisa sobre o rostro

e a noite procurándote detrás

gañando a súa carreira contra o vento)

 

e o triste é que ninguén lle dixo belas artes

e aínda que formase na súa ausencia

o límite febril dunha tristeza

ninguén que lle chegase

igual que chega a tarde

sen querelo

e fose pór a man sobre o seu lombo

ninguén que debuxase

materna unha andoriña unha paisaxe

a dor que o río acende en líquidos de prata

ninguén que dese alí

no alto das barandas

un grito derradeiro

 

o triste é que tamén se transformase

o ámbito nun cadro

a cinza nunha torre

e todo se embarcase para o fondo

do mar sobre a distancia

 

e o triste é que el

aquel que ergueu o pano da bandeira

e dixo aquí comeza

de novo o territorio da existencia

o punto en que se fundan as palabras

o porto no que embarcan os enigmas

mostrase cicatrices as cancións

 

o triste é que deixase

deitada polo chan tanta tristeza

que mesmo houbo misterio

un longo arcano azul

UT PICTURA POIESIS

Urbano Lugrís Berbés 1943

publicado en Coroa poética a Urbano Lugrís en www.anavedasideas.blogaliza.org

 

Lugrís de tan Urbano pintaba co cerebro,

Si, si, directamente, sen tránsito pincel.

 

Lugrís de tan Urbano chegou tan fracasado

Ao bordo do solsticio que puxo en marcha a dorna

Ergueu a vella vela e díxonos : xa imos

Correndo na corrente. E logo foi calado

Sumido no solpor, o fume esparexendo,

Dalgún cigarro antigo, algún daqueles celtas

Sen filtro que fumábamos, hai tempo, polos meses,

Pois eran nesa altura sinais de fracasados,

As marcas que deixaba no peito aquel ferver

Das vidas interiores. E díxonos mirade,

Son tantos os obxectos que pode atesourar

Un vello mariñeiro! E tantas as distancias

Que o mar leva consigo!

Que un libro ou unha cuncha, o anzol que un peixe trouxo

Gardado no seu ventre

Non son máis que unha breve canción de singradura,

Só tres ou catro notas

Que o tempo foi pousando na pel do mariñeiro,

Acaso un vello mapa de rotas invisibles,

A lámpada que impregna de luz tanta derrota.

A tarde estaba aínda no cimo do verán

E viña un vento quente, furor de antigas brisas,

E dixo confiado, erguendo o rostro antigo:

Non sei se choverá, en tres ou catro días.

E logo foinos dando noticia do solpor,

Do xeito en que os incendios da tarde se impregnaban

Coa luz das Illas Cíes, da forma en que a rotunda

Esfera devalaba, deixando atrás o sol,

Seguindo aquel esteiro da ría cara ao fondo.

Quen che dera, vello Urbano

Lugrís, co teu pincel

Pintar toda a emoción

Que había nos teus ollos.

Quen che dera, meu pincel,

Pintar aquel Urbano

Lugrís pola distancia.