Villa Borghese, Roma.

A luz que descompón e que lacera
a luz do marco antigo dunha foto
é tempo que nos fere e nos vulnera,
efémero cristal de espello roto.

É luz que esparexeu a primavera,
fantasma doutro século remoto,
que tece na memoria unha quimera,
asombro do verán nun lago ignoto.

O corpo vai vencido de agonía,
derrotas a verter na galería
trazando na distancia unha acuarela.

A tardes, que son fonte de alegría,
extintas nun solpor de lúa fría.
As noites, a cobiza dunha estrela.

Teoría política

Cruzara os labirintos que permiten
entrar no Labirinto,
ollar desde a distancia a singradura
das naves que regresan,
as pontes espectrais desveladas entre a néboa
como nais que se aventuran
a ser forma do prodixio
e interpelan o legado
que deixaron na carne
e preguntan polos nomes
e sentencian no silencio.
 
E dixo aquela voz silente que sentía
no peito e na cabeza:

«Encontres  na prudencia e na humildade 
fianzas dos teus actos.
E acendas para todos razón dos argumentos   
lonxe do amargo erro, 
fóra da corrupción. 

No extremo da ruindade, distante dos enganos, 
gobernes no poder consolo dos discretos, 
conforto dos sensatos, 
e saibas da vellez topar o lenitivo. 
Que alimentes o camiño da verdade, 
o brillar da lucidez».

Rito

Longos anos trasladei o meu corpo por ocasos
Por tormentas e venturas
Procurando un non sei que de lugares e horizontes.
Era algo sen obxecto,
Unha especie de substancia,
A chamada radical da raíz ou do destino. 
E así celebro agora o rito do lugar,
O cántico da nube e da presenza,
Da herba que acariña as plantas dos meus pés,
Dos froitos que aprodecen pola terra.

Il ritorno d´Ulisse in patria

Que humildes os peiraos e embarcadeiros
Se inclinen ante o vello que regresa
Cargado con estoxos de emoción
E sacas de pericia e pensamento; 
E saiban pescadores, mareantes, 
No extremo de tamaña singradura,
Do éxito do voo, 
Da arte e da destreza
Que foron camaradas, consortes, mesmo amantes, 
Da mente e da ferida, no espírito e na lama,
Son fórmulas que verte o tempo pola historia
Riquezas, capitais, de bruma e neboeiro 
Manchado polo inverno e a distancia.