Preguizas 6

alt

Da vila que florece entre o pouso das néboas
Arrincada a un voo de gritos e distancias
Gardádeme un lugar que teña ocaso,
Un recanto que se acenda no río do solpor
Para abrir as nupcias altas, venteadas
Do outono aínda infante e o verán.

Que sexa un deses cálidos cafés
Que Hibernia ofrece en pago de ambulancias
A todo aquel que arrisca o seu camiño
E prende nunha aba do chapeu
A flor murchada en bosques ao seu paso.

Que nunca alí se internen as mesnadas
Errantes dos que van
Incertos, sen afán nin lucro da paisaxe.

Que sexan outros templos os que dean
Acubillo ao seu percurso.

O pórtico ninguén
Máis ultrapase.

Preguizas 5

Das horas que aínda pase tecendo este misterio
De voces e de sombras, retumbos e silencios,
Non é esta madrugada, erguida sobre o ceo,
Aquela que me entrega sixilos e segredos.

Que a aurora vén sumida nun voo tan circunspecto
Nun carro tan estraño, nun sopro tan discreto,
Que todo o seu rumor de mítico correo,
De heraldo sixiloso, de escuro mensaxeiro,
É só unha fráxil sombra no gris do neboeiro,
Eclipse e orfandade na luz do firmamento.

Así non pode o canto tecer o signo hermético
Que ansía recluír nalgún lugar do verso.

Vindicación dos prados

O prado se está cheo de brancas margaridas,
de efémeras papoulas, de herbas como esponxas
que poden acougar o corpo na súa longa
batalla contra o tempo, convértese de súpeto
en punto delicioso, lugar onde render
as armas do incesante, errático, fugaz,
e ser a forma exacta do idilio, dunha Arcadia
feliz con raparigas e nenos a brincar,
o sol esparexendo un raio amarelento.

O prado, se te deixa durmir en sombra amena
e o mes de primavera solícito te afaga,
semella un paraíso, lugar da eternidade,
o espazo no que podes optar por un diálogo
coas flores, coas laranxas, cos froitos das maceiras,
fechar os ollos digno de ter o merecido
descanso e reparar as graves avarías,
as longas continxencias. O prado, se entre as deusas
que asoman a soñar existe algunha triste
que quiera esparexer o tacto da súa man
por riba do teu lombo, tamén pode ser tálamo,
un leito onde entregar a vida entre paxaros
e cervos e xaropes.

O prado está, por tanto, no fondo dos teus soños.

Xamais por el asistas a festa ignominiosa
nin quebres da súa lei o escuro mandamento.

Preguizas 4

Hai moita soidade en todo o que fenece,
Un voo de desamparo fechando este retiro
E sombras de clausura, eclipses de prisión,
As nubes do olvido a prender a materia da tarde.

Así encontra a noite o asceta na súa illa,
Deitado sobre o astro brillante do abandono,
Erguendo no seu canto principios de tristeza,
Silentes compostos que estralan con sal polo ocaso.

Oh grato estar distante de todo o que perdura,
En pos dalgún remedio, en busca dunha enmenda,
Sen outro afastamento que a íntima orfandade,
As mans formando en barro figuras de silencio.

Preguizas 3

Deploro canto o inverno dispuxo no xardín
E clamo por un voo, inédito, flamante,
Das torres que constrúen as virxes primaveras.

Non é que me distancie do insólito das chuvias,
Que deite nunha pira de lume estremecido
As neves derretidas, os ventos xa pasados,
E adore a floración, o lustre, a louzanía,
A fresca mocidade de abril chegando a maio,

Mais pode que estes meses, xa murchos, deslucidos,
Non fosen máis que un brillo da tebra que me funda
E adorna os interiores dos pazos onde canto.

Por iso temo agora que veñan de regreso,
Que un día se presenten a dar conta de min,
Sombríos, nebulosos, opacos, taciturnos,
E queiran que os escolte, que os guíe sen camiño.

Outrora podería mandar sobre o seu rumbo,
Acaso ser o leme que orienta a travesía,
Mais hoxe estou varado, os mastros arrincados,
A nave esmacelada, as velas afundidas.

Corpos 4

recorda, oh corpo, un día, se aínda no devalo
che é dado recordar, que foron estes brazos
agora posuídos no voo da súa ebriedade
a cifra da túa gloria,
que foron os cabelos, tinxidos polas cores
cobrizas do crepúsculo,
un trazo expresionista, abstracto, poderoso,
sumida a tarde en bronces, en terras, en arxilas,
e noutros tintes ocres e gamas areosas,
oh corpo, se algún día, as nádegas, viaxe,
descenso, aviación
das garzas inclinadas, das nubes ofrecidas,
dos montes deportados,
outubro cae silente
e as árbores vulneran
a liña do horizonte,
recorda, oh gozo, un día,
a música das musas

Benarés

A frauta que vulnera o tétrico sopor
Da noite está mollada con lúas e con brisas
E prende no seu longo susurro a ladaíña
Dos rezos que perturban, o cálido bater
Das voces contra a pátina da auga.
O templo emprende así un voo sobre a cidade
E pingas dunhas notas de sitar
Estralan contra os mármores, rebentan como un brillo
De fósforos e vidros, de lixo de diamante.
Adquire entón a ciencia da morte, de chegar
Ao centro na procura de túmulo e ruína
Oh ti o vagabundo,
O nómada burgués,
O errante sedentario,
Na India, fervedoiro de estrelas e farrapos
En baldes consumidos de estaño, cobre, níquel
Con sedas e azafrán
No círculo do sol atado con salterios
Aos cornos dunha vaca,
E bosta de elefante,
Na roda na que xiran os meses baixo a chuvia
Na lama de vermellas arxilas enchoupada
E pedra de barrocas figuras derrubando
O ceo contra a linguaxe do río, do fluír
Das aguas da palabra, Heráclito calado,
Heráclito ambulante, carteiro transeúnte
De envíos que son harpas e cítaras, luceiros
Na India da linguaxe, na estrela do azafrán,
Na roda dos barrocos estaños da ruína
Das vacas e dos fósforos,
Oh nómada diamante,
País da túa morte,
Pra iso paraíso.

Preguizas 2

Así que agora estamos sentados frente ao mundo
Ollando como a lúa devala no horizonte
Sen nada que facer. Espléndida preguiza.

Os ecos do vivido esbaran xunto a min
E teño entre as materias celestes da tristeza
Madeiras para arder, remorsos clausurados.

Por iso esta distancia do mar que se espreguiza
Acouga o meu bulicio, acala ese ruído
Dos meses derrotados na loita de sentir
A música fulxente, o cántico inflamado.

Será que na visita das gracias de Minerva
Hai sempre unha sublime quietude de silencio,
A calma e a frialdade impávida do voo,
A flema e a firmeza dun plácido sopor.

Por iso estou durmido, folgando enteiramente,
Deitado frente ás ondas dun mar que non se enleva,
Acaso consumida a flor da mocidade,
Prudentes os delirios, discretas as paixóns.
E a noite esparexendo distante flor de lava.

Preguizas 1

Debaixo desta sombra de amenas ameixeiras
Onde outrora soaban as trompetas do triunfo
Na miña mocidade
E os vellos percorrían o límite dos anos
Cangados cos despoxos da vida e dunha guerra
Perdida contra o fascio,
Está, suxeita a un fío que as Parcas non cortaron,
A imaxe dunha tarde, a luz doutro verán.
E nela vive aínda,
Prendida aos avatares do tempo e a tristeza,
Un eco de ter sido feliz no altivo goce
Dos anos máis primeiros.

O céspede non garda sinais dese esplendor.
Tampouco entre as madeiras do vello cabanón
Se advirte algún vestixio.
Mais eu, que levo aínda, na sombra do meu corpo,
O eclipse e a negrura de vellas luces níveas
Relembro eses momentos.

Acaso é fantasía, exceso de querer
Arrincarlle ao devalo dos meses un brillo
Que nunca lle foi propio.
Ou pode que, en verdade, non sexa máis que un soño,
Sedimento incesante de esquecidas visións
Que agora se incorporan,
Simulacro do olvido ou engano da morte.

Por moito que me afaste do tempo e do lugar,
Por máis que se esvaeza
O signo deses anos, o espello no que miro,
A imaxe non se murcha, intacta me aparece,
Inerme, solitaria,
Formando os alicerces daquela miña vida,
Da vida que aínda agora se mostra e me mantén.

O tempo que derruba murallas imperiais
E prende nos palacios lumeiras insaciables
Xa sabe que o meu canto perdeu a plenitude
Dos días clausurados, das épocas gloriosas.
Mais sinto que esa perda non fire nada en min
Senón que se culmina con outras experiencias,
Imaxes que aínda brotan do pano da distancia,
Cabalos e navíos, e árbores na tarde.

Por iso estou tranquilo, deitado a sestear,
O Miño derrubando a umbría das súas augas
No límite impreciso dalgún salgueiro vello,
Agosto culminado no centro do horizonte.