Atrás fiquen os ríos

Atrás fiquen os ríos, 
metáforas que escorren polo chan,
que esbaran pola herba das fronteiras.

O tempo é como vento,
alado e inconstante,
volátil, tormentoso. 

Por veces podería ficar quieto
mais outras non dá tregua nin descanso. 

O tempo. Iso que pasa.

Ben podes advertilo no silencio,
notar como arrandea no líquido das musas,
na música do lume. 

Nada superior ao seu afán.

Moi novo preguntei

Moi cedo preguntei no círculo dos ventos
o rumbo que haberemos de tomar
no mar cando amañeza.
E nada nos foi dado coñecer
na sombra da resposta.

As aves debuxaban no signo da espiral
seguíndo ese percurso
e pedras admitían os pés a cada paso,
regueiros que entregaban na ribeira
a fenda do seu líquido constante,
caídos estandartes,
pendóns e pavillóns e distintivos,
insignias e divisas,
emblemas.

Eu fun dos que morreron no límite da praia.
A luz do meu ascenso brillou por un instante. 

Grande foi o meu proveito de vivir mentres vivías,
de habitar a túa morada,
de morar na túa mirada.

Soleil Noir

A luz do teu saber é sempre nomear.
Ignoras o que fala alén da claridade. 

As lâmpadas que prenden, as nítidas lanternas
Son sempre o teu emblema, erguidos estandartes. 

Se calan es ti que calas.
Se choran es ti que choras. 

E a luz que bebe a fraga proxecta sobre o mundo 
Os códigos das rosas, o marco dos espellos,
A fama e a lección dos castiñeiros. 

Nin me abandonarás nunca,
Sombra que sempre me asombras