A impecable factura d’A Esmorga

Para min, a alegoría da ruína de Galicia e da súa derrota como proxecto nacional é a clave da imaxe dialectica benjaminiana en que se converte o filme e a raíz da compensación imaxinaria que lle ofrece ao espectador, e unha máis das razóns, unida claro está a súa impecable factura como artefacto cinematográfico, do seu enorme éxito.

No Faro de Vigo de hoxe. Ver noticia completa.

MARTA G.BREA. 15.6.15, VIGO (C.AREAL).- CONFERENCIA - PROYECCION DE "A ESMORGA" A CARGO DE MANUEL FORCADELA (PROFESOR DE LA UNIVERSIDAD DE VIGO), ANTONIO DURAN "MORRIS" (ACTOR), E IGNACIO VILAR (DIRECTOR DE LA PELICULA).  Ignacio Vilar (director de "A Esmorga"); Antonio Durán "Morris" (actor; Premio Mestre Mateo 2015 por "A Esmorga") y Manuel Forcadela (profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo)

MARTA G.BREA.Ignacio Vilar (director de “A Esmorga”); Antonio Durán “Morris” (actor; Premio Mestre Mateo 2015 por “A Esmorga”) e Manuel Forcadela (profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo)

DISCURSO DE GRADUACIÓN da promoción 2011-2015 de Estudos de Galego e Español da FFT da UVIGO

Chegou cedo este momento.

Esta hora en que hoxe estamos ten moito de irreal,
De onírica, de incerta,
Como se ningún de nós quixese andar por estes pagos
E, ao mesmo tempo, todas soubésemos de feito
Que este aquí e este agora xa pasaron,
Xa tiveron lugar.

Así que xa pasou.
Sen dármonos nin conta
O tempo decorreu
Feroz no seu percurso
E estamos hoxe aquí
Igual que outrora estábamos
Sen marxe para estar noutro lugar
Doutra maneira.

Sei que agora pertencedes
Á seita oracular
Do castelo de Kafka;
Que vivistes prisioneiras longos anos
No castelo de Elsinor
Como Hamlet;
Que coñecestes o Cibrán, o Bocas e o Milhomes
Nas noites frías de Auria;
Que poderíades chamar agora por Kerouac
Mais que preferides contemplar
As criaturas preciosas de Bembo;
Que escoitades Bach no anoitecer,
Pastor de violonchelos.
E que andades xa incluídas
Na liñaxe e nas estirpes
Do músculo da tarde.

Que alá van os catro anos que durou esta aventura.
Os catro cursos longos, ou breves, en que fomos,
Como diría Iglesia Alvariño,
‘remexendo na cinza da pateira dos anos’.

Axiña foi o tempo clausurando
Os apousentos, as estancias,
As cámaras e os cuartos,
As mesmas aulas.
E fíxoo sen rigor,
Coa austeridade que difunde,
Sen saña nin obriga.
Tranquilamente.
Obedecendo a única lei que ten por propia:
A mudanza continua de todas as cousas.

Lembro a tarde en que cheguei
A unha aula sombría
Para falarvos da Ausente, da Desaparecida,
Desa cousa que acordamos
Denominar Literatura.
E expliqueivos que o misterio que a rodea
Non permite desvelarmos o seu rostro.
E por iso precisamos dar a volta
Polas illas da Teoría, da Crítica, da Historia
E da Literatura Comparada.
E nin con esas conseguimos
Que abandone o seu retiro,
Que se achegue desde o fondo da distancia,
Aínda que diga como a Isolda de Cunqueiro ao mirar para Tristán:
‘tarde chegaches’.

Foi fermoso irvos contando a maneira en que os humanos
Enredaron coa linguaxe, foron pondo as súas fronteiras,
Os seus cárceres absurdos, os seus lindes invisibles,
Con cementos e con pedras de palabras.
Cómo os humanos,
Ante o carácter espectral e caótico do mundo,
Impuxeron un delirio, anxélico unhas veces,
Mais tamén demoníaco,
De realidade e harmonía.
E cómo
Dese delirio parte a literatura.

Tamén falamos, e moito,
De que a noción de literatura universal só é artellable
Desde unha perspectiva nacional concreta.
De que non hai ollada sen ollo nin ollo sen lugar.

Sinto a honra de saber que me encontrei
Con vosoutras navegando polos signos,
Con vosoutras no percurso das mañás,
Con vosoutras e o fantasma da linguaxe.
Darío, Sonia, Antía,
Sara, Estefanía, Noemí,
Raquel, Sabela.

Comezastes este grao, que agora culminades,
‘Cando o corvo da noite se pousaba
Nas derradeiras luces do solpor’,
Cando o goberno máis febril
Ditaba as súas primeiras sentenzas contra o pobo,
E fostes moi valentes optando por cursar
Materias que proviñan do estoxo dos tesouros,
Papeis que se perderan e foran reencontrados
No percurso dos días, na enxurrada da historia.
Todos estes nosos saberes que algúns xa pretendían
Definitivamente enferruxados.
Tiñades en contra a luz e o colorín,
A moda repentina e o superfluo,
O son da propaganda e a mentira.
Mais vós obedecestes a voz dunha conciencia,
Tivestes a fineza de atender esa encomenda
E foivos de proveito,
Non hai máis que mirarvos.

Ábresevos agora un tempo novo.

E que dicir de cada un de vós,
De cada unha de vosoutras.

Comezarei polo Darío.
E lembrarei un filme de John Ford.
The Quiet Man. O home tranquilo.
Quen puidera ver neses teus anos
Todo o porvir que agora tes por diante.

E que dicir de Sonia, esa alegría das aulas,
Interesada, intelixente,
Apaixonada por todo o que aprendía,
Fame e sede dun saber que non ten cura
E que agoira vindeiros achados.

Ou de Antía, dilixente e precisa,
Sempre activa na procura dun obxecto sen fin,
Curiosa, inclinada aos estudos culturais
E a indagar nos misterios da literatura.
Unha lanterna entre os enigmas.

Ou de Sara, entre o fogar e a biblioteca.
Nai e lectora dos libros e do mundo.
Carretando as brisas frescas da ría
Na mañás de inverno.
Sorriso cálido e sagaz.

Ou de Estefanía, vixiante do saber
E curiosa dos misterios da beleza.
Unha lámpada que brilla
Pola sombra dos poemas e os relatos
Está a chamar por ti.

Ou de Noemí, entre a ausencia e a presenza,
Na discreta penumbra da lectura
Atravesando outonos e primaveras,
Calibrando a magnitude dos soños e das horas.
Unha luz que se esparexe desde o fondo.

Ou de Raquel, ollos fuscos e azuis
Patrullando a modernidade,
A derrubar as trabas do misterio,
Sempre exposta ante a certeza,
Esculcadora do especial e do senlleiro.

Ou de Sabela, esmerada na orde do mundo,
Desde o entusiasmo e a ponderación,
Entre a viveza e a harmonía,
Escorregando un voo de liñas
Contra o fondo do solpor.

Que o remoto devalar dos astros vos depare
Ventura e sabio voo por entre as sombras das cousas
E que poidades, aínda novas, gozar do viño escuro,
Do sol anoiteceido que emerxe do silencio.

Que nunca esquezades o dereito
Que tedes á igualdade, cando a diferenza vos faga inferiores,
Nin o dereito á diferenza,
Cando a igualdade vos deixe sen identidade.

Sinto a honra de saber que me encontrei
Con vosoutras navegando polos signos,
Con vosoutras no percurso das mañás,
Con vosoutras e o fantasma da linguaxe.
Darío, Sonia, Antía,
Sara, Estefanía, Noemí,
Raquel, Sabela.

P1040919