É sabido que o Cántico Espiritual de Juan de Yepes y Álvarez é un dos cumios da poesía universal. Nunha conversa mantida hai quince anos co hispanista, xa falecido, Isaías Lerner na cidade de New York, argumentei que había unha evidente influencia da poesía galega medieval na obra do poeta de Ávila e que esa influencia se mostraba por medio do emprego de dous tópicos: o idilio e a pastorela. Isaías, que foi un dos meus guías pola cidade dos rañaceos e a quen teño, desde aquela, como exemplo do que pode ser un home sabio, fora alumno de Jorge Luís Borges en Buenos Aires, antes de que o peronismo prolongase unha nova xeración o seu destino familiar de xudeu errante. Puxo cara de ironía e contestoume que a miña tese era moi interesante mais que había que demostrala.
Este poema quere ser, dalgunha maneira, unha continuación daquel diálogo. Non é, para nada, un poema teórico, que queira prolongar pola vía da escrita poética, posicións que veñan defender as miñas afirmacións daquel entón. Mais, ao mesmo tempo, é o resultado dun saber pouco e pouco aprendido, case dun xeito inconsciente, e que nos sitúa perante as coordenadas do encontro feliz de dous tópicos reiterados. Por unha banda, o idilio, que desde Teócrito nos describe os praceres da existencia nun entorno natural, aquel “regalado vivir” do que falaba Antonio Noriega Varela nun dos seus mellores poemas. Por outra banda, o encontro amoroso entre o cabaleiro, neste caso unha camiñante, e a pastora e a irrupción do amor. Do amor como acontecemento, unha quebra dos sentidos semánticos, unha fuga da gramática, por vías semellantes aos regatos e as fluencias pluviais. Do amor como destino, como fado e como sino.
Chamará a atención a enunciación feminina. Encontrei, dentro desa fala que me fala, que, na miña gramática cultural, a construción moderna deste novo xénero, que aquí se manifesta como herdeiro e como suplemento deses xéneros pretéritos, agora reunidos e sintetizados nun artefacto diferente, era fundamental a presenza dunha voz feminina. Non é un efecto gratuíto que queira caprichosamente dialogar no fondo coa voz de Safo ou co Despertar das amantes de María Xosé Queizán, senón que me viña dado de facto polas cantigas de amigo e, tamén, polas voces femininas que dialogan nas nosas pastorelas medievais.
Ademais, nos poemas de Teócrito, os pastores que dialogan, mentres pastan as ovellas e soan as frautas, son pastores namorados, que aúnan os praceres do encontro amoroso e os gozos da vizosa natureza na Arcadia feliz. Como entón, os temas son eróticos e está presente a música, non só como mención, senón, tamén, como exercicio vocal desde o mesmo inicio do poema. De tal maneira que este é, ademais, unha composición musical. Podería ser exposto como un recitativo, unha substancia sonora non melódica, que ten as súas regras internas, rítmicas e de entoación. Lido dese xeito, como unha ladaíña, provoca unha certa suspensión da realidade e pon de manifesto a existencia dun alén da linguaxe na propia linguaxe.
A pastorela medieval galaico-portuguesa é, por outra banda, un dos produtos máis lúdicos de cantos poida gorentar o lector poético moderno. Son poemas que se len unha ou dúas veces e fican gravados no corazón e na memoria, de tal maneira que xa nos acompañan para sempre. Desde Airas Nunes a Xoán Zorro, pasando por outros moitos, a pastorela sitúanos perante un momento transcendental: o encontro amoroso. A chegada, o encontro, a visión, a alocución, a resposta, a partida ou a permanencia, son as partes dunha poética narrativa que aúna as visións das naturezas externas e interiores. Todas estas funcións narratolóxicas dan conta, no fondo, das tres vías do proceso místico, expostas no Cántico Espiritual: purgativa, iluminativa e unitiva. Así, contándonos algo tan simple como un paseo polo campo, un encontro e un diálogo, asistimos a unha dramatización da nosa posición no mundo e da nosa relación co que está aí fóra, sexa a historia, o amor, a idea ou o gozo estético.
E este é tamén un poema ilustrado nesta edición primeira, porque o autor botou man dunha serie de fotografías que ilustran o proceso de pregnancia que o asistiu durante o tempo que durou a redación desta música. Pregnancia no sentido da psicanálise na súa teorización da mirada. E que viría sendo algo tan simple como responder á pregunta Que é o que miramos? Pois, xustamente, aquilo que antes xa nos mira. E neste mirar o que nos mira, o mesmo que na fala que nos fala, fica ben claro que tanto o mirar, como o falar, é do Outro.
As fotografías tentan interromper a fluidez do discurso poético, quebrando así o carácter compulsivo da súa recitación rítmica, e sinalar un marco diexético de soidade e distanciamento para esa entidade vocativa da conciencia, esa fonte de rumor.
Estamos, por tanto, na paisaxe da paixón, da fala que me fala e da ollada que me mira. Estamos, seguramente, no umbral da alma.
Descargar libro enteiro
A mácula feroz da fermosura en formato pdf
A mácula feroz da fermosura en forma epub

Gústame esto:
Gústame Cargando...