O ROSMAR DO VELLO E O “CRO CRO”DO SAPO. A POÉTICA DO ACONTECEMENTO EN CURROS ENRÍQUEZ

Somos moitas as persoas, implicadas dalgún xeito na transmisión do seu legado, que consideramos que a fortuna crítica da obra e da figura de Manuel Curros Enríquez non está á altura da súa probada capacidade para seguir emocionando a xeracións sucesivas de lectorado.

Penso que hai un certo temor a expresar moitos dos sentidos que esa obra ofrece, condicionados pola hexemonía na análise e na interpretación dun Curros monotonamente realista, ateo e republicano, como se o seu texto non chegase transido polo falar do Outro e atinxido, por tanto, pola Historia e a contixencia.

Acaso debamos fuxir dunha certa visión teolóxica da palabra do Señor (Curros) que nos chega só enchida de Verdade mais, tamén no fondo, de imposibilidade de novos sentidos. Cremos que esta suposta hexemonía é disfrace dunha nugalla crítica que depaupera o valor simbólico da obra do poeta celanovés.

Situar un autor na historia é situalo na historia da súa recepción, na fluencia dos moitos autores que, co tempo, todo autor remata por ser. Como se a pregnancia dunha obra coa época en que foi escrita estivese libre de conflitos e esa lingua e ese estilo non amañecesen de mil pesadelos anteriores, froito igualmente de anteriores batallas.

Que Curros sexa un autor que produce o mellor da súa obra en tempos do realismo decimonónico non empece que os ecos do romantismo e as anticipacións do simbolismo estean presentes nel e que mesmo poidamos escoller algúns dos seus poemas como un exemplo evidente desa obra en tránsito, de poética en evolución, do devir a deixar polos textos os trazos do seu percurso. Como se a pregnancia dunha obra co tempo en que é lida carecese, igualmente, de conflitos.

O poema “Nouturnio” de Manuel Curros Enríquez é un dos textos mais fermosos do autor celanovés e, tamén, un dos mais coñecidos entre todos os seus. Formou parte do libro Aires da miña terra desde a súa primeira edición en 1880 e foi, desde o primeiro momento, considerado un poema radical tal e como o podemos percibir ao lermos a crítica feita por Emilia Pardo Bazán1 no mesmo ano en que o libro foi publicado:

Señalado favor tendríamos que agradecer al Sr. Curros Enríquez…, si en vez de dar a la estampa el elegante tomito… Aires da miña terra, hubiese dado dos, titulado el uno Colección de poesías gallegas, y rotulado el otro en esta forma: Colección de poesías político-sociales. […] A las político-sociales, señaladamente a las que llevan por epígrafe ‘O mayo’, ‘Os mozos’, ‘A igrexa fría’, ‘Nouturnio’, ‘Mirando ó chau’, ‘Pelegrinos a Roma’…, lejos de considerarlas como dignas de ser puestas al lado de las otras, las tengo por inferiores en todos respectos, y me parecen lamentable caída desde el cielo del arte al abismo del espíritu de secta”.

Ler artigo enteiro