Soliloquio do pasaxeiro

Joachim Patinir-A pasagem da Lagoa Estígia

Non é fácil percorrer os camiños que levaron

o teu corpo até o país do silencio e da loucura

sen obter antes indulto, a desculpa, a absolución

polos danos infrinxidos, polo estrago irreparable.

Mais non sei que fixen mal, en que curva do camiño

enganei o rumbo exacto, foi menor o meu esmero.

Pode ser que algún dos brillos que fulxían no ouropel

me cegase ou me privase do sentido da visión,

que ficase fascinado, deslumbrado coas estrelas

que amañecen na palabra, sen aviso nin anuncio.

Mais foi todo tan veloz, tan de presa, tan axiña;

foron tantas as escollas, houbo tanto neboeiro,

que chegar até esta marxe do Leteo ten o honor

dos atletas esgotados, dos exhaustos corredores.

Pode ser que a nave estea xa agardando o embarcamento.

Nela irei sumido en sombra, no devalo do serán,

sen obter xamais perdón, nin desculpa ou indulxencia.

150 anos

Cantares_Gallegos

Ben sabes, miña sombra, que levo esta fatiga,
doendo como un can que me trabase,
roéndome nos osos e na pel,
igual que aquel que empurra un carro no serán
con lama e refugallos,
e sabe que non ten outra saída.

Os tempos corren negros e vense corvos lonxe.
Cantantes, demagogos, sofistas, lambelaxas,
prodigan os seus cursos sobre ti
e dan leccións retóricas magníficas
e fan de ti unha pomba e unha flor,
que deches en obxecto de mercado
por máis que te queixases
da luz e do progreso.

Que saibas que Fortuna xa deita os seus pelouros no lago da tristeza
e pasa moito tempo ao sol esparexida
torrando a carnación do corpo inacadable,
o corpo que só existe no misterio e na distancia,
o corpo que non doe nin dá sinais de gozo,
o corpo como nube nos ventos proxectada.
O corpo aquel que un día tiveches para a sombra
e foi o teu tormento
e foi o teu contento.

Que saibas que te saben por diante e por atrás
e es de todos tema ou artificio;
que len canto escribiches igual que se levases
o oráculo incesante de Lestrove
na pel dunha laranxa, alá no corazón,

insomne sombra miña,
meu templo derramado,
meu lar sen lume aceso.

Luísa Villalta, póstuma, entrevista

luisa_villalta

ALÍ EN Brandemburgo, á beira de Polonia,
No límite das terras que forman Alemaña,
Un día de febreiro do ano dous mil cinco,
Saíndo dunha boca de metro entre o xentío,
Mirei de ti, Luísa, o espectro, a tenue chama.
Nevaba aqueles días. Berlín era unha xélida
Cidade de fantasmas. E ti tamén miraches
Pra min con ese aceno de alguén que te coñece
E evita conversar.
Foi menos dun segundo.
O tempo de facerme saber que inda perduras
Mais pensas proseguir distante, esvaecida,
Ausente no retiro da música e os fríos.
Andaba nesas horas un pouco enfebrecido
E lembro que tomara algunha medicina.
Tamén que na comida fixera acompañar
Os pratos con delicias douradas de cervexa.
E nada máis que ti mirei entre as persoas
Saíndo daquel tren. Serena e viaxeira.
Portando nunha man a caixa do violín.
E negro o teu abrigo, tamén o teu chapeu,
Acesa na mirada curiosa unha saudade.
E díxenme: “Seguro que fala nalgún bosque
Co espírito de Bach; que leva na maleta
Poemas, partituras, e logo, no serán,
Asiste a eses convites, preludio de concertos,
Que acenden a cidade de música e de chamas”.
Por iso non me erguín. Deixei que te perdeses
Nas árbores máis altas, nas nubes que dan neve.

 

Tuve una rara intuición: encendí rápidamente otro fósforo.
Tal como lo había intuido, el rostro de María sonreía. Es decir,
ya no sonreía, pero había estado sonriendo un décimo de segundo
antes
.
Ernesto Sábato

na memoria de Luísa Villalta (1957-2004)

Eça em Sintra

Eça-de-Queirós

Se un día, por azares do curso dos teus días,
Das árbores aprezas o insólito clamor
E dás en percorrer sombrías singraduras
Por baixo da romántica enramada
E asistes ao esplendor do outono entre os palacios
Que asoman nas alturas erguidos para o mar,
Sen dúbida, verás saíndo dalgún coche
O enxeño insinuado no brillo dunhas lentes
A máxica figura daquel que foi capaz
El só de reiventar o romantismo.

Oh, tráxico escribinte, fatal compositor
De dramas e destinos, de insomnes varonías
Deitadas contra o fado, feliz imaxinando
Curiosos avatares en salas e cafés.

o lombo dunha estrela

tumblr_m3fz5nMT5v1r2ahh3o1_500

 

e souben que eran días caendo para atrás

que abrían unha lenta solemne procesión de cinco ou seis minutos

camiño de teatros no inverno máis fecundo

 

leváronme de présa seguindo algunha sombra

por neves e montañas alén do mar perdido

cargando a doce mole do peso da existencia

 

e ti como unha sombra deixáchesme pousado

a voz máis solitaria que caiba recordar

os meses de novembro de outubro debuxando

subín nun tren lixeiro camiño da cidade

gardando entre os misterios da brétema unha voz

imperio reducido a un mínimo lugar

con páxinas escuras de ignotos pentagramas

 

que aquelas eran regras do xogo da ruleta

deixar que se derramen en limpas emocións

as mans sempre dispostas no peto dun abrigo

 

e fíxenme feliz fugaz como unha ave

en fondos remuíños en cólicos sen fin

ao longo do traxecto de altos ríos

durmido sobre o lombo dunha estrela

écfrase

image

detés agora a ollada nun corpo que se perde

seguindo algún camiño de auras e museos

o día como un fento un óxido unha pá

deitando flores secas cadernos debuxados

un voo de ave lixeira na tarde polos campos

 

por riba destes mármores por dentro desta sombra

dos anos esgotados dos meses xa corruptos

o sol que che proxecta fulxente chama branca

celeste sobre un manto de tebras e distancia

veloz o seu percurso con sede de esplendor

veleiro que se inflama de ritmo e ousadía

 

e as nubes que desprazan volumes de algodón  

a liña dun camiño a sombra dunha vida

a sombra dunha voz que o escuro che arrebata

 

da tarde case rota farrapo da xornada

as cifras que regresan do mar cunha canción

retratos planos cartas epístolas roteiros

nos lonxes a verter unha luz de ruína

M. M. danza sobre os prados

tumblr_m17gub3aw21qb8vpuo1_500

a danza está composta de brillos e de espellos

de ritmo no seu lento discurso acompasado
 
persegue unha canción procura unha distancia

ferida polas flores e as lágrimas da brisa

e arrinca entre as materias vermellas o crepúsculo

fundada polo vento erguida polas queixas

deitando un voo de auga nos cólicos do mundo

 

non dorme está mirando

progresa para a sombra camiña para o escuro

un pó de cinza vella por riba das hortensias

 

son trazos arrincados aos ríos coa calor

que tinxen o papel dos mapas e das cartas

das follas que escribiron os meses devalando

azuis como un harpexio de líquidos e chagas

 

satélites de cinza distantes a rotar

de tanto como fere a luz dos seus contrastes

por ríos e por soutos e néboa entre carballos

portrait of a lady

4326999

gardou logo nos cofres as xoias desveladas

os ouros que fervían nun brillo de ilusión

e foi seguindo círculos e rodas

varandas que deixaban ollar para o silencio

e viu a luz que acenden os misterios

 

dispúxose daquela moi dentro da súa casa

o mesmo que un espello que olla noutro espello a imaxe de si mesmo

 

saía a camiñar

 

seguía os cursos altos das aves polo outono

e ás veces recollía pigmentos do serán

coa cámara de fotos

 

tamén bebía en vidros os líquidos dos campos

insomnes bebedizos que viñan acender

no corpo o seu inhóspito desexo

 

e fíxose distante

de feito inescrutable

 

un longo e devalante discurso de si mesma

como todos os discursos

como todos os suxeitos dos discursos

 

eu son, dixo por fin

a escura pega ida,

a ave que alimenta as néboas na distancia

catarse

Elizabeth Schumann e Richard Strauss

na voz de Renée Fleming cantándome Setember

(nun disco coas cancións de Strauss, as derradeiras )

pendura unha ave antiga

igual que esas estrelas que seguen a enviarnos

a luz durante anos despois de fenecer

e pasan moitas noites e séculos e meses

e a luz segue a chegar

oh signo ben confuso da tebra engalanada

a morte como un brillo que perdura

 

e escoito esa fulxencia e miro para a voz

igual que se estivese a ollar un cadro

e as cores fosen bágoas do meu pranto

de tanta intensidade

 

non sei que estraño pouso de drama e de loucura

reside por aí

que carga de tristeza tiña o século a morrer

naquela Viena ida

que círculo de luz e de catarse

me prende a min agora

que páxina do infindo diario do solpor

me une a este castigo