Escena exipcia

‘Sen baixar sequera do cabalo,
Mandarei que vos lapiden
E que prendan lume aos corpos,
Cando teñan a constancia
De que non regresaredes,
Invasores e ocupantes,
Nin en forma de fantasmas’,
Así falou o Rei e puxo na súa boca
O selo que esgrimía no anular da man dereita.

‘Raíñas e sibilas, asistentas e escravas,
Verterán pola distancia o seu xasmín,
E prenderán novas resinas como afago e como honra.
Breas, ceras, costros,
Piches e alcatráns
Arderán durante días en lembranza
Da ruindade que existía
No interior da vosa carne,
E xamais permitiremos que parentes e achegados,
Amigos, familiares ou próximos,
Acariñen ou apalpen
Arrecheguen e aloumiñen
O que xa será só cinza,
Borra, cisco e varredura’,
Dixo por fin o monarca,
Sobre todos soberano.

E foi que dese xeito acometeron a vinganza,
E lograron redimir os séculos de oprobio.
A infamia, o vilipendio,
A aldraxe e a ignominia.

280px-Maler_der_Grabkammer_des_Amenemhêt_001-2

Encontro con Fédor

Que beleza a deste tomo dos irmáns Karamázov,
Impreso no ano oitenta do oitocentos,
Cando o século fendía e xa desatrancaba
Unha porta, unha cancela, un furado, unha soleira,
Batida polos soños, gañada polo azar,
Tronzando polo medio un fondo de pintura neoclásica,
Deixando sen futuro un tempo que vencía.

Que beleza e que rareza a deste tomo en lingua rusa,
O enigma dos seus signos comprimidos,
Chamazo e garabullo, esbozo, risco e trazo,
O aceno repetido das letras procurando
O voo dun longo espectro,
Un eco de conciencia.

E que vital a fermosura
Destoutro máis recente con posfacio de Freud,
Publicado en Lisboa por Relógio D’água.
E que sorte a de poder entrar na libraría,
Compralo e regresar
De novo a unha esplanada,
O corpo entre as augas e o café,
E dáreste á lectura,
Sen tempo nin premisa,
Sen medo de que a tarde se afunda e esmoreza.

Que beleza a de seguir
A ler despois no cuarto da pensión
Entre os falares e as conversas
De Dimitri e Aleksei, de Iván, tamén chamado
Vania, Vanka ou Vanetchka,
E, xa de madrugada, durmir até o rebento da mañá
Feliz, reparadora, necesaria,
Os ollos esgotados, a alma namorada,
O corpo na ascensión dos vinte anos.

As flores dese abril e as uvas dese outono
Virán marcadas polo fito
De andar a conversar
Por prazas e por largos de Lisboa
Coa voz que conta a historia dun tempo xa fuxido
Alá polas chairas de Rusia
Nas páxinas dun clásico (en ruso e portugués)
Da Literatura Universal.

200px-Dostoevsky-Brothers_Karamazov

Órbita

Seica tiña algo que engadir aquí.

Sempre fican cousas por contar.

Eu andaba esparexido a mirar para un instante,
Concentrado en comprender certa lóxica do tempo,
Ese pouso que se verte cando paras a pensar
E reparas non sei como que comprendes non sei que,
E entón veu unha mensaxe:
‘Non escribes máis poemas?’

E eu, furtado nun arrouto,
Aqueixado do meu rapto de desleixo,
Feliz de ollar o século parado xunto ás nubes,
Sen máis curso que a lentísima caída do solpor,
O sinfónico arribar dos cálices da noite,
Pensei que podería darlle a forma dun poema
A esa órbita lunar, a ese ciclo de sombra.

Despois de todo, levo décadas falando sobre o escuro
E non teño moitas luces.
Só disparos a ferver da materia dos lóstregos,
Leves lavas que se levan sobre a pel como a camisa
E abren chagas polos lustros,
Lentas fístulas de pena, longas úlceras de dor, doces pústulas de espanto.

E non teño máis que dicir.

artistic-surreal-photomanipulation-by-sarolta-ban-01[1]