A existencia da insistencia

curiosidade-600x600

Estíbaliz Espinosa, Curiosidade, Aira editorial, Allariz, 2017

 

“As condenadas ao ostracismo han acabar os seus días parindo perlas”, dinos Estíbaliz Espinosa nunha páxina do seu recente Curiosidade. Elexíaco, por veces, celebrativo, outras, o libro inicíase cun “… e logo a explosión. Que existas” e remata cun “…que existas. Qué extase” nunha circularidade na que se vertebra unha estrutura de existencia e pensamento dunha, dinos a lapela do libro con capa e ilustracións de Celsius Pictor, astrónoma afeccionada e interesada na constelación que une tecnoloxía, ciencia, linguaxe e maternidade.

A primeira impresión deste volume, que se le dunha sentada, é a da luz. Hai unha enerxía e unha luminosidade que se contaxian desde o primeiro momento e que ten que ver coa disposición da voz, das voces, que van tecendo unha sutil rede de complicidades. Os que seguimos desde hai anos a actividade de Estíbaliz coñecíamos a totalidade dos textos presentados, publicados no seu blog, na súa conta de twitter and so on, mais o conxunto, construído agora como un macrotexto, resulta dunha elegancia formal e conceptual envexable. E isto parte de algo que denota a presenza dunha poeta de raíz, mal que lle pese, na que o discurso se produce como un excedente da existencia: o feito de que sexa o coñecemento, e a Curiosidade, quen estea detrás da súa aventura na escrita. “Non creo que se escriba sempre porque se ten algo interesante que dicir. A miúdo o interesante xorde do propio entusiasmo en estar dicindo”.

Diríamos que o estilo de Estíbaliz é abertamente presocrático. E isto, que debe ser entendido como un encomio, vai desde os fragmentos de Heráclito ao poema de Parménides. Ese momento en que tranmisión do coñecemento, sexa científico ou filosófico, contaba, de partida, coa correspondencia da poesía. E digo presocrático porque, logo, como sabemos, virá a dialéctica (Sócrates, misterioso humorista, que dicía Nietzsche) a contrapor ciencia e poesía até os nosos días. A ciencia como dominio do real e a poesía como dominio do simbólico-imaxinario. Imposibles de hibridar, segundo Badiou.

De maneira que o discurso, ademais de presocrático, ten moito de derridiano. Ese momento en que o crítico da dialéctica podería anular a contraposición entre ciencia e arte por medio dun indecidible poético. A poesía como un híbrido, un dos temas de Estíbaliz, entre a existencia da ciencia e a insistencia da arte. Chronos con Aión. Os feitos da ciencia e os acontecementos da arte. Algo que poderíamos chamar a existencia da insistencia ou a insistencia da existencia. Porque os feitos existen e os acontecementos insisten, como dixeran Deleuze e Blanchot.

E é que o fluír desta palabra non deixa nunca de ser existencial por máis que nos sitúe, unha e outra vez, perante o misterio do mundo, liberándonos das nosas certezas e seguridades.

“Quererante convencional. Pero insiste. Insiste en todo o que insisten en non ver”.

Celebremos este libro como unha vía de auga que abre novos camiños para os torrentes da nosa poesía máis actual. Unha beleza e unha caricia.