Os salgueiros do río

Estes que deviñeron tópicos do meu imaxinario foron durante anos esquecidos por min. Até que foron recuperados pouco e pouco pola linguaxe: OS SALGUEIROS DO RÍO. Evocan tardes de verán ocupadas na recolleita ociosa de flores de manzanilla xunto á nai. Interminables tardes de verán e bicicleta. Velaí algúns exemplos:

“Durmín a sesta debaixo dun salgueiro. E soñei. A árbore cortárona. O soño, non puideron”.
“Fechado en grave sombra, sen días para ver  
a música que xorde do río entre salgueiros”. 
“Deixei que a vida fose un vento que acariña o corpo entre os salgueiros”
“Como a noite polas árbores ou o río nos salgueiros”.
“As efixies dos salgueiros derrubando na súa umbría o lamento esvaído da brisa”.

Pastoral

ANDAR polos camiños do mundo sen máis rumbo
Que o simple percorrer distancias, procurar
Lugares, ríos, pontes, ermidas nas alturas.
Caer por unha vía seguindo unha derrota
De fentos, de enxurradas, o mesmo que un pastor.
Seguir do gando o paso, penedos entre xestas,
E ser na longa noite, gardado polos cans,
Sublime soidade dos matos, dos outeiros.
Vagar como quen segue o brillo dunha estrela.
Quecer nunha fogueira austeros bebedizos,
Libar de cando en cando o mel dalgún licor
E non obter de humanos máis trato que o silencio
Errante como un leve paxaro que emigrase
Fuxindo do seu fado, xa libre do destino.

Odisea

Do antigo mar que sulcan as palabras
en naves cheas de ánforas e hexámetros
só lembro o vello aroma do crepúsculo
e esa vaga circular efíxie que na noite
despois das chuvias fertiles de Abril,
emerxe desde o fondo,
atravesando espazos co seu corpo
e abrindo a leve xanela do verán
con un fulgor lunático.
Do resto gardo un eco fráxil,
esvaído como a pomba da mañá
sobre un muro de cal,
e só, as veces,
cando o ingreso do outono é violento
e embalsamo o desexo con flores antigas,
lembro a lua a caer,
vnrtixinosa, acesa,
sobre o doce perfil e a sombra do teu corpo,

Nausícaa.

FAR FROM THE MADDING CROWD (William Blake)

FELIZ quen acollido nas sombras dalgún souto

As cabras pastorea carente de cobiza

E prende coa súa lira o lume dunha música

De outono engalanada con xestas, con acacias. 

Os tránsitos emprende por corgos e sendeiros

Sen ver sequera ao lonxe negocios dos humanos

E liba as augas limpas das follas con xeada

Ou toma das figueiras o froito madurado. 

Alí de noite ensume o corpo nunha manta,

Sosega os cans e deixa as cabras a durmir  

E entón o ceo enxerga en leda observación  
E toma da linguaxe dos astros a palabra.

Filografía

E andan nubes a verter o seu corpo no horizonte,
Derramadas de outubro ou de novembro,

Amplas, libres, derretidas,
Como un longo carrusel que vira o mundo,

E deléitannos co fume,
Suspendidas na tristeza,
A daren conta de que segue
O balbordo e o bulicio,
A algarabía.

Porque a vida son clamores
E disturbios e tumultos.
O ballet dunha paixón,
Abanqueiros e fervenzas.

Fotosofía

A letra é unha mancha. O stylo, un punzón. O único texto inmaculado, a páxina en branco, o silencio.

As letras, que son manchas, en inglés tamén son cartas. Xente enviándose manchas. Garabatos de lama ou de sangue. Humanos.

O autor é como o dono dunha fonte. Pode posuír o cano. Mais a auga non é súa. Nin antes nin despois.

Literato, non letrado, o poeta colinda co pecador e o delincuente. O seu refuxio na linguaxe é unha fuga do cárcere do mundo..

O mundo como elipse. Cada segundo os relatos deben ser renovados. A primacía do misterio.

A elipse. O que nunca daremos contado. O que é preciso imaxinar. A fronteira entre a luz do simbólico e as tebras do imaxinario.

O simbólico non substitúe o real senón que o incrementa. Cada falar é un obxecto máis do que falar.

 Digo. E, dicindo, o mundo é aínda máis inefable. Non hai silencio que me cure. Nin palabra que me salve.

 E dixo entón o oráculo: “A letra é unha mancha. O stylo, un punzón…”