O importante que é aprendermos como se pon unha mesa.

 

Por debaixo do mantelo, limpo, de ferro ben pasado,

Ha de haber un cobertor, que atenúe as mancaduras,

Os choques, os percances.

 

Á esquerda do teu prato, os garfos.

Os coitelos e as colleres, á dereita.

Sempre en orde inversa á secuencia do seu uso.

Os primeiros cara a fóra.

Os últimos por dentro.

 

A vaixela ha procurar mantermos a coherencia.

Forma e cromatismo como un todo articulado.

Primeiro, un prato chan.

Por enriba, os máis fondos.

 

O cristal, como a vaixela, ha buscar unha harmonía.

A cada comensal, como mínimo, dous copos.

Fronte ao prato, na parte superior.

A auga para a esquerda.

O viño na dereita.

Nunca apoies o cristal  contra o vidro pra servir.

Nin o ergas da mesa.

 

Un pratiño para o pan ou a manteiga.

Sempre á esquerda do cristal.

Se hai saleiros, vinagreiras, pementeiras,

Tarros con mostarda…

Un conxunto para seis ou oito.

 

Flores secas ou frescas

E un fruteiro para o centro.

Tamén, se é pola noite, unhas poucas candeas.

Ningún cinceiro,

Que o fumar non canxa coa beleza.

 

A comida, como sabes, sérvese pola esquerda

E retírase pola dereita.

Orabén, se o prato é preparado,

Pode servirse igualmente pola destra.

 

E non esquezas que, sempre,

Hai dous grupos de persoas:

As que teñen máis fame que comida

E as que teñen máis comida que apetito.

 

E que en todo o que gorentes

Cos teus labres, coa túa lingua, coa túa boca,

O celme máis prezado, o buqué máis singular,

É acaso o máis senlleiro, o máis estraño e infrecuente:

O que provén do amor.