Catro poemas para os fogos de Bouzas

O vindeiro domingo, 16 de xullo do 2017, nas pausas e entreactos dos monumentais fogos de artificio das Festas de Bouzas, o meu amigo Maximino Fernández Queizán declamará catro poemas da miña autoría.

 

Pastoral

ANDAR polos camiños do mundo sen máis rumbo
Que o simple percorrer distancias, procurar
Lugares, ríos, pontes, ermidas nas alturas.
Caer por unha vía seguindo unha derrota
De fentos, de enxurradas, o mesmo que un pastor.
Seguir do gando o paso, penedos entre xestas,
E ser na longa noite, gardado polos cans,
Sublime soidade dos matos, dos outeiros.
Vagar como quen segue o brillo dunha estrela.
Quecer nunha fogueira austeros bebedizos,
Libar de cando en cando o mel dalgún licor
E non obter de humanos máis trato que o silencio
Errante como un leve paxaro que emigrase
Fuxindo do seu fado, xa libre do destino.

images-2

 

Realidade

ÁS VECES é mellor seguir na realidade,
Deitarse baixo a sombra das árbores a ver
Os líquidos que o mundo dispuxo na conciencia,
E andar polos camiños confusos da lembranza
Seguindo un vello norte, algunha rota antiga.
Deitar pesadas áncoras no leito dalgún río,
Deixar que as augas pasen e ollar como o fluír
Do tempo e da enxurrada do inverno se apresura
Na busca dunha foz, dun límpido remanso.
Feliz quen considera sentar xunto á ribeira
E nesta acción culmina un feixe de percursos,
O límite de moitos camiños emprendidos.
Feliz quen nega o mundo dos triunfos e a vaidade,
Aquel que desde a calma refuga os agasallos,
E alí sentado escoita os páxaros bater
As alas nun escándalo na lámina das augas.

 

images

Xardín

AS NOITES van dispondo aneis de fráxil néboa nos lindes do meu mar
e os ecos que altas aves difunden cara abaixo
posúenme en acordes turbulentos,
sinais de frautas graves afundidas
como vellas goletas preñadas con ouro
ou de harpas que tanxen o voo dunha liña
afastada e distante.
Nas altas alboradas
a terra adquire un brillo tan roxizo
que hai un soño de arxila poboando no mar
o vaivén dos cabalos que corren a praia
ou sinalan no asombro outro lenzo de longas areas.
E unha alauda que chega no medio da tarde,
acendendo unha esfinxe de casas ao lonxe,
vén abrir unha caixa de vidros antigos
e fechar un castelo,
o xardín onde soño o teu rostro embazado de sombras.

hqdefault

 

 

Barcos

NINGUÉN virá deitar a ollada nestes barcos
De cansos que están hoxe, varados sobre a praia,
O sal do mar virando as cores da pintura,
As algas pondo un leve matiz de brillo e verde
No lombo que sulcou as ondas entre a néboa.

Proxectan no silencio un eco amortecido,
Fantasmas sen oficio nin ruta nin camiño,
Inermes viaxeiros á espera doutro rumbo.

Disparo contra eles a cámara prendida
E capto o seu reflexo na luz e na mirada,
Azuis desdebuxados no límite do branco,
Marróns que se perderon e agora poden ter
Metais enferruzados, brochazos de gasóleo.

Tamén noutras alturas da vida eu embarquei
En busca de ribeiras, de illas e naufraxios,
E dei polas estradas do mar algunhas voltas,
Cativo de tormentas e tristezas.
Tamén eu fun varado despois de travesías,
Tamén volvín sulcar as augas entre escumas,
Relampos de crepúsculo.

Por iso ollar os barcos é case como ollar
O pouco que aínda gardo dos tempos dos lugares,
O escaso capital que en anos aforrei
Das pratas e os denarios dos soldos da existencia.

Por iso as longas fotos que estendo teñen barcos,
As naves que hai por dentro, caladas a sulcar
Os mares sen distancia, a noite entre vapores,
Océanos de vida. Lagoas de lembranza,

maxresdefault