Xardín queimado-fragmento final

tumblr_m1sc9f7xHE1qd0g7ro1_1280

Bebían os cabalos na fonte xunto a nós

E viñan nubes breves turrando do verán

Distantes perseguindo a sombra das maceiras

Os ecos que deixaban na brisa acordeóns

Que alguén tocaba en orfas penumbras portuguesas

E Electra dixo deixa

Lasciate ogni speranza

Que o poeta está manchado pola culpa

Do mar pola orela mireino pasar

O seu traxe leva sangue de linguaxe

A camisa borras negras de caer

A rebolos na lameira das palabras

E andaba o corpo en músicas en táboas que pintaran

Os ollos como incertos retábulos de outrora

Camiños que eran sombras de pontes e distancia

E leitos que alguén dera insomne por durmir

As noites cos seus soños de tenra melodía

Por iso viña o vento das longas cabeleiras

Deixándonos recados papoulas e sonetos

Levando un arrecendo de xasmíns

By the waters of Leman

Tamén arrebolando docísimas materias

Areas tan miúdas que había que fechar

Os ollos a soñar caer por unha lomba

Sen medo de que o corpo sufrise unha ferida

E Electra dixo deixa

Lasciate ogni speranza

Que o poeta está manchado pola culpa

Do mar pola orela mireino pasar

O seu traxe leva sangue de linguaxe

A camisa borras negras de caer

A rebolos na lameira das palabras

O poeta polo pozo cara adentro de si mesmo

E depuxen logo as armas porque tiña febre amor

Tantos graos de soidade non son bos para o misterio

Tanta sombra de mercurio achegando a súa canción

Esa altura dos cipreses ese mármore final

Non son bos para a saúde do que canta unha distancia

Non se debe ultrapasar unha certa cantidade

Unha certa non lle sei cantidade non moi alta

Un outeiro de mercurio co seu cumio alá no alto

E Electra dixo deixa

Lasciate ogni speranza

É preciso que camiñe

Figueiriña que prantei By the waters of Leman

Que non che son o mesmo lonxe que lontano

E Electra xa era só melancolía

E pasaba ao fondo Nietzsche como un barco na distancia

Do mar pola orela mireino pasar

E era triste ver o barco digo a Nietzsche contra o sol

Perdido cos anos o lentor da moza fantasía

Fumegando o seu sulfato contra o corpo do SEÑOR

Oh Nietzsche a sulfatar polas viñas da distancia

E Electra xa era só melancolía

 

para descargar o poema completo

Xardín queimado-fragmento XX

606x341_185886_catastrofe-naturale

LADIES AND GENTLEMEN LASCIATE OGNI SPERANZA

E pasaba ao fondo Nietzsche como un barco na distancia

Do mar pola orela mireino pasar

E era triste ver o barco digo a Nietzsche contra o sol

Perdido cos anos o lentor da moza fantasía

Fumegando o seu sulfato contra o corpo do SEÑOR

Oh Nietzsche a sulfatar polas viñas da distancia

É preciso que camiñen

A rebolos na lameira das palabras

LADIES AND GENTLEMEN LASCIATE OGNI SPERANZA

Unha dieta moi severa

E Nietzsche a sulfatar polas viñas da distancia

O profeta polo pozo cara adentro de si mesmo

E Electra xa era só melancolía

Figueiriña que prantei By the waters of Leman

Que non che son o mesmo lonxe que lontano

E Nietzsche a sulfatar By the waters of Leman

Para sempre derrotados

 

 

 

para descargar o poema completo

Xardín queimado-fragmento XIX

tumblr_lyutkahOjR1qafepso1_500

E díxome daquela pensando que eu portaba

Bandeiras como hortensias e borra de tabaco

Oh vén altiva Electra

Lasciate ogni speranza

Tal e como agora vas

Xa vella e anugallada

Dareiche a flor da sombra e o tálamo nupcial

Manchado de poetas embriagados

Tal e como agora vas

Xa vella e anugallada

By the waters of Leman

Para sempre derrotados

LASCIATE OGNI SPERANZA, VOI CH’INTRATE

LADIES AND GENTLEMEN,

YOUR ATENTION PLEASE

Do mar pola orela mireina pasar

Neboenta dos poetas

By the waters of Leman

Abril era unha abra con naves debuxadas

Con longas e con lánguidas pegadas de tristeza

Electra era unha chave sen porta para abrir

Electra xa era só melancolía

Electra era unha porta sen abrir

Que o poeta está manchado pola culpa

O seu traxe leva sangue de linguaxe

A camisa borras negras de caer

A rebolos na lameira das palabras

O poeta está impregnado de suor

Os zapatos teñen cortes adxectivos

E os seus verbos esparexen a tristeza

Como un vómito febril de signos e destino

O poeta está ferido por loitar

Contra a néboa e contra a sombra

A súa ollada mira neve no deserto

E nas illas logra ver unha nube sobre o ceo

O poeta xa non vive neste mundo

 

 

para descargar o poema completo

Xardín queimado-fragmento XVIII

Kacper Kalinovski 1

 

Ofrezo agora a man e pousa nela a tarde

Non trae aves lixeiras nin láminas de espello

Mais leva sobre a carne a fonda ladaíña

Dos meses que inclinaron tronzadas na raíz

Calugas que vertían

Levísima enxurrada de líquidos e outono.

E ofrezo agora o corpo ás máquinas do tempo

Entrégolle o meu peito a forma de pensar

As mans como unha viña de noite esquecemento

Os ollos como un vidro vertido no silencio

O corpo que executan os labios que deixei

Deitando un arreguizo no tacto dunha pel

De sombra de setembro

Figueiriña que prantei By the waters of Leman

Que non che son o mesmo lonxe que lontano

 

para descargar o poema completo

Xardín queimado-fragmento XVII

tumblr_m0uw2yHrHy1qf6jy9o1_500

 

Porque o obxecto a

Impide que o círculo de pracer se feche

Introduce un dispracer irreductible

Porque o obxecto a

Funciona como unha fenda

By the waters of Leman

No círculo fechado do aparello psíquico

Gobernado polo principio de pracer

Unha fenda que o derruba e obriga

Do mar pola orela mireino pasar

A botar unha ollada ao mundo

A ter en conta a realidade

(Neboenta dos poetas)

Falareivos da nación

República infeliz

Xardín queimado

By the waters of Leman

Para sempre derrotados

Miña terra miña terra

Terra onde me eu criei

Hortiña que quero tanto

Figueiriña que prantei

Levo un faro por riba da pel

Como insignia de sixilo e espera

By the waters of Leman

Para sempre derrotados

Que non che son o mesmo lonxe que lontano

E deluvei entón os ollos que me proían

No pesadelo escuro da noite sen camiños

E by the waters of Leman mireina pasar

Do mar pola orela

Para sempre derrotados

Figueiriña que prantei

Despois alguén chegou e dixo di o teu nome

E eu díxeno no instante que entraba unha enxurrada

De olvido e de distancia no río das arterias

E fun de néboa en barcos ao sur do esquecemento

E Nietzsche sulfatando polas viñas do SEÑOR

Si Nietzsche sulfatando by the waters of Leman

 

para descargar o poema completo

Xardín queimado-fragmento XVI

Walt Whitman

Oh vén altiva Electra

Do mar pola orela mireino pasar

Rexeita as cicatrices

Os coiros recosidos que tocan nos tambores da vitoria

E déixate apalpar

Oh guíame no escuro

O mar ficaba lonxe No fondo a lontananza

Que non che son o mesmo lonxe que lontano

O mar como unha dorna tristítima que viña

Cargada co seu loito de peixes e de noites

Cangada co velame na altura do silencio

E nós alí sentados sentados a mirar

A lúa que lontano nacía en lontananza

Do mar pola orela mireino pasar

E Nietzsche sulfatando polas viñas do SEÑOR

E deluvei entón os ollos que me proían

No pesadelo escuro da noite sen camiños

E do mar pola orela mireino pasar

Como unha aixola en pradairos lisos

E Nietzsche sulfatando polas viñas do SEÑOR

By the waters of Leman

Para sempre derrotados

Despois alguén chegou e dixo di o teu nome

E eu díxeno no instante que entraba unha enxurrada

De olvido e de distancia no río das arterias

E fun de néboa en barcos ao sur do esquecemento

E Nietzsche sulfatando polas viñas do SEÑOR

 

para descargar o poema completo